Sinistralidade dos condutores profesionais. Anos 2012-2016


Dentro das actividades que realiza o Observatorio galego de condicións de traballo (OGCT) está a análise, tratamento estatístico e elaboración de estudos de accidentes de traballo.
Unha das actuacións para realizar previstas para o ano 2017 é a elaboración e posterior publicación dun informe sobre a sinistralidade dos condutores profesionais.

Para a realización do devandito informe, se parte da información contida nos partes de accidentes de traballo declarados no sistema Delt@, escolléndose un subconxunto de variables que se considerou máis interesante para caracterizar a sinistralidade do sector e servir de orientación para realizar accións de mellora da mesma.

Non se pode esquecer que para coñecer as causas dos accidentes non é suficiente a información que se recolle dos partes de accidente, se non que é necesaria a investigación dos mesmos por un técnico de prevención para que se apliquen as medidas adecuadas a cada caso particular.

Para a realización deste estudo utilizáronse os accidentes de traballo con baixa entre os anos 2012 e 2016 descartando os accidentes ocorridos in itinere, dividíndoos en dous grandes grupos:

  • Un grupo principal que engloba a aqueles accidentes de traballadores cun código de ocupación CNO-2011, 84-Condutores de vehículos para o transporte urbano ou por estrada. Sobre este grupo móstranse os resultados de todas as variables escollidas.
  • Outro grupo co resto de accidentes declarados entre estes anos. Este grupo serve para contrastar resultados nalgunhas variables concretas.

Se parte dos datos da evolución xeral dos accidentes no intervalo 2012-2016 e ademais das variables sexo e gravidade que son transversais, utilizáronse as variables seguintes:

  • Idade
  • Tráfico
  • CNO (desagregación a tres díxitos do código 84).
  • Sectores económicos (dos centros onde os traballadores se accidentaron).
  • Sectores económicos (CNAEs declarados polas empresas dos traballadores accidentados).
  • Tipo de contrato.
  • Provincia das empresas.
  • Desviación (último acontecemento anormal que conduciu ao accidente).
  • Forma ou contacto que provoca a lesión.
  • Tipo de lesión.
  • Avaliación de riscos.
  • Lugar do accidente.

Ademais realizouse a análise nun pequeno grupo de variables para os traballadores de 55 ou máis anos de idade.