Organización preventiva e condicións de traballo en Galicia. 2017


O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) publicou respectivamente os resultados das súas enquisas “A xestión da prevención de riscos laborais nas empresas galegas” e “Condicións de traballo en Galicia”, co fin de coñecer a realidade das condicións laborais nas que se traballaba nas empresas do tecido empresarial galego e como se estaba xestionando a prevención de riscos laborais nelas para planificar de forma global as actividades de formación, prevención e control do ISSGA para mellorar a seguridade e condicións de traballo das empresas partindo desta análise previa.

Estas enquisas inspiráronse na Enquisa Nacional de Condicións de Traballo do Instituto Nacional de Seguridad, Salud y Bienestar en el Trabajo (INSSBT), que hoxe cumpre trinta anos da súa primeira edición, aplicando unha enquisa similar no territorio galego.

Nos últimos anos, os cambios sociais, tecnolóxicos e a crise económica na que estivo somerxida a economía do pais produciron cambios importantes nos procesos e na organización do traballo e no mercado laboral, coa aparición de ocupacións novas e emerxentes, así como de novas actividades, tarefas, condicións e formas de traballo. Esta situación inflúe directamente na seguridade e saúde da persoa traballadora e nos riscos laborais que teñen que xestionar agora as empresas, xa que neste novo escenario aparecen riscos laborais novos e emerxentes a ter en conta na xestión da prevención.

Para coñecer esta nova realidade do tecido empresarial galego o ISSGA pon en marcha esta nova enquisa, coa que procura coñecer como organizan hoxe as empresas a prevención de riscos laborais, cales son as actuais condicións de traballo e como xestionan os riscos psicosociais e a promoción da saúde no entorno laboral.

Así o ISSGA dá cumprimento da súa función de “Coñecer, tratar, elaborar e difundir os informes e os datos estatísticos sobre sinistralidade laboral e condicións de traballo”, actualizando os datos á realidade actual, e dos obxectivos 4 e 5 da Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020, implementando novas accións co fin de responder aos novos retos e escenarios con que nos atopamos no momento actual en canto a seguridade e saúde no traballo se refire.