Organigrama
Para o desempeño dos fins e funcións que lle atribúen os artigos anteriores, o Issga contará cos seguintes órganos:
a) De goberno.
1. A Presidencia.
2. O Consello Reitor.
b) Executivo: a Xerencia.
A Presidencia
A Presidencia do Instituto é o órgano unipersoal de goberno. Exercerá a presidencia do Instituto a persoa titular da consellería competente en materia de traballo.
Non obstante, en virtude do disposto no artigo 64.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, o Consello da Xunta poderá nomear outra persoa para desempeñar o cargo, por proposta da persoa titular da consellería competente en materia de traballo.
O Consello Reitor
O Consello Reitor é o órgano superior colexiado de goberno do instituto. Os seus membros serán nomeados pola persoa titular da consellería de adscrición. No Consello Reitor será paritaria a representación dos axentes sociais e da Administración.
Composición:
O Consello Reitor estará formado:
a) Pola Presidencia.
b) Por unha Vicepresidencia.
c) Os/as seguintes vogais:
1º. En representación dos axentes sociais: un/unha vogal en representación de cada un dos sindicatos que estean presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, nos termos expostos na disposición adicional decimoterceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e o mesmo número de vogais designados por proposta das organizacións empresariais máis representativas da Comunidade Autónoma
2º. En representación da Administración, un número de vogais suficiente para garantir a composición paritaria do consello Reitor:
1) A persoa titular da Xerencia do Instituto.
2) Un/unha vogal por cada unha das consellerías con competencias en materia de sanidade, minas e facenda, designado pola persoa titular da consellería respectiva de entre as persoas titulares dos seus órganos superiores ou de dirección.
3) No caso de ser necesario, os/as restantes vogais serán designados/as pola persoa titular da consellería competente en materia de traballo entre as persoas titulares dos seus órganos superiores ou de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma.
d) A Secretaría do Consello Reitor.
A Xerencia
A Xerencia é o órgano executivo do Instituto, responsable da xestión ordinaria deste.
A persoa que exerza a titularidade da Xerencia é persoal funcionario con rango orgánico de subdirección xeral e será nomeada e cesada pola Presidencia do Instituto, logo da consulta ás organizacións representadas no Consello Reitor.
Nos supostos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, a persoa titular da Xerencia será suplida na totalidade das súas atribucións polas persoas responsables das subdireccións establecidas nos artigos 24 e 25, e na orde de precedencia en que estas veñen referenciadas.
Estrutura administrativa
O Issga, para o exercicio das súas competencias, estrutúrase internamente nos seguintes departamentos, que dependen funcionalmente da Xerencia do Instituto:
a) A Subdirección Xeral de Administración e Persoal.
b) A Subdirección Xeral Técnica e de Planificación.
c) Os centros territoriais do Issga na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.