Oferta formativa

Presentación
A Lei de prevención de riscos laborais establece entre outras obrigas, a de proporcionar aos traballadores formación suficiente e axeitada sobre os riscos que afectan os seus postos de traballo.
Así mesmo, a lei encomenda ás administracións públicas o desenvolvemento de accións de formación, información e divulgación que contribúan, xunto aos empresarios e traballadores, ao logro dos obxectivos de mellora progresiva das condicións de vida no traballo.
Neste liña, a oferta formativa do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), que se desenvolve nos centros de seguridade e saúde laboral, ten o propósito de proporcionar formación de calidade en materia de prevención de riscos laborais e dar cumprimento aos Plans estratéxicos de prevención de riscos laborais da comunidade autónoma.
A formación, xunto coa información, promoción e asesoramento en materia de seguridade laboral, constitúe unhas das ferramentas máis axeitadas para promover unha auténtica cultura preventiva no conxunto da sociedade.
Co obxectivo de promover, sensibilizar e incrementar os coñecementos en materia de prevención de riscos laborais, elaborouse este programa de actividades formativas que agardamos axude á mellora das condicións de seguridade e saúde laboral no traballo.
Información Xeral
Dende o ano 2009 incorporouse á oferta formativa a modalidade de formación a distancia, cun curso básico de prevención de riscos laborais de 60 horas, que corresponde ao contido mínimo do programa de formación, para o desempeño das funcións de nivel básico, establecido no Anexo IV-A) do Regulamento dos Servicios de Prevención, cun engadido sobre prevención de riscos laborais dende a perspectiva de xénero.
As actividades formativas presenciais impartiranse por técnicos especialistas nas distintas disciplinas preventivas e realizaranse nos centros territoriais do Issga de xeito gratuíto e con carácter xeral, en xornada de mañá.
O número de prazas é limitado, polo que a selección dos asistentes se realizará en función dos distintos criterios como son as necesidades de homoxeneización do grupo, vinculación laboral coa prevención, incorporación ou mellora laboral e orden de inscrición.
Para a impartición dos cursos esixirase un número mínimo de alumnos.
As solicitudes de inscrición poderán facerse a través da páxina web do ISSGA, issga.xunta.gal.
O PRAZO DE INSCRICIÓN ABRIRASE UN MES ANTES DA DATA DE INICIO DA ACTIVIDADE FORMATIVA. Unha vez finalizado o proceso de selección, comunicarase a admisión dos participantes seleccionados. A persoa admitida que non puidera acudir comunicarao ao ISSGA, coa suficiente antelación, para posibilitar que outra persoa poida beneficiarse desa formación.
A falta de asistencia superior ao 10% das horas lectivas programadas, aínda estando xustificadas no prazo e forma, imposibilitará a expedición do diploma correspondente.
Ao rematar as actividades previstas entregarase diploma ou certificado de asistencia.
O ISSGA reserva para si calquera modificación sobre a programación das accións formativas, logo do aviso aos interesados, sen prexuízo de publicalo coa antelación suficiente na súa páxina web.