Os produtos químicos perigosos: sector industrial. Información básica para traballadores


Entendemos por produtos químicos os elementos e os compostos químicos e as súas mesturas, sexan naturais ou sintéticos como é o caso dos que se obteñen nos procesos de produción.
 
Grazas a eles acadamos un maior benestar: melloramos a calidade e a produción dos alimentos, curamos enfermidades e gozamos de moitas das comodidades da vida actual.
 
Os produtos químicos son utilizados, producidos, elaborados.. en traballos moi diferentes: dende refinerías, obras de construción, fabricación de vehículos... ata na limpeza industrial e de edificios ou nas perruquerías.
 
Estes produtos poden ser perigosos xa que poden producir lesións e enfermidades ás persoas, danos materiais coas conseguintes perdas e tamén contaminar o medio.
 
Todos estes danos pódense evitar:
 
  • Hai que saber que produtos son perigosos en cada traballo e coñecer cales son os perigos de cada un deles.
  • Hai que usalos de maneira correcta: coas medidas de prevención e protección necesarias. Máis escrupulosamente cos produtos que sexan máis perigosos.
 
No documento expóñense de maneira clara e sinxela cales son os principais danos que poden causar os produtos químicos, así como as pautas fundamentais para evitar que estes danos se produzan facendo especial fincapé na importancia de identificar correctamente os produtos e situacións que poden xerar perigo e no papel do traballador na prevención destes riscos aplicando a cotío das boas prácticas. Tamén se dan indicacións básicas sobre como actuar no caso de que fallen as medidas preventivas e se produza a emerxencia: incendio, proxección dun produto... e sobre a declaración de accidentes e enfermidades profesionais.
 
A publicación deste documento xorde como unha actuación derivada do “Mapa de risco químico”, proxecto desenvolvido polo ISSGA durante os anos 2010-2013 e cuxos resultados definitivos foron publicados o pasado ano, no que se recolleu información sobre máis de 8.000 produtos e sobre 7.789 fichas de datos de seguridade, presentes nun total de 166 centros de traballo da xeografía galega, pertencentes fundamentalmente ao sector industrial. O proxecto revelou diferentes deficiencias no coñecemento das propiedades perigosas dos produtos químicos e por iso esta publicación ofrécese como unha ferramenta de axuda para sensibilizar e así controlar mellor este risco.
 
No documento emprégase xa unicamente a nova etiqueta imposta polo Regulamento CLP (Regulamento (CE) nº 1272/2008), xa que este ano (o 1 de xuño) quedará definitivamente derrogada a etiqueta convencional. Os traballadores deben saber interpretar correctamente a información da nova etiqueta e este documento tamén pode ser útil neste sentido.