Convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) e a Fundación Laboral da Construción (FLC) para o recoñecemento da formación preventiva impartida polo ISSGA para os efectos da obtención da tarxeta profesional da construción (TPC)


O obxecto deste convenio entre o ISSGA e a Fundación Laboral da Construción é o recoñecemento da formación impartida polo ISSGA e recollida no Libro II do vixente Convenio Xeral do Sector da Construción para os efectos do seu recoñecemento para a obtención da Tarxeta Profesional da Construción (TPC).

A colaboración farase efectiva mediante o desenvolvemento das accións consistentes en:

O ISSGA comprométese a que:

1.      A formación que imparta a traballadores ou desempregados do sector da construción axustarase ás condicións establecidas no Libro II, Título 3 do vixente Convenio Xeral do Sector da Construción.

2.      Os diplomas ou certificados de formación expedidos polo ISSGA, de acordo co contido formativo que se imparta, farán referencia ao artigo que corresponda en cada caso do mencionado Libro II, Título 3 do vixente Convenio Xeral do Sector da Construción.

3.      Co fin de que a formación impartida sexa válida aos efectos da Tarxeta Profesional da Construción, o ISSGA incluirá nos diplomas ou certificados entregados o seguinte texto: “Formación recoñecida pola Fundación Laboral da Construción para os efectos da Tarxeta Profesional da Construción, en virtude do convenio asinado en Santiago de Compostela o 7 de maio de 2014”.

           

A Fundación Laboral da Construción comprométese a:

Recoñecer a formación impartida polo ISSGA e recollida no Libro II do vixente Convenio Xeral do Sector da Construción, que será válida e poderá ser acreditada polo alumno aos efectos do disposto no Libro II do vixente Convenio Xeral do Sector da Construción respecto da obriga de formación en materia de prevención de riscos laborais e da Tarxeta Profesional da Construción.

TIPO: Convenio de colaboración

DATA SINATURA: 07/05/2014

VIXENCIA: Este convenio estenderá a súa vixencia desde a data da sinatura ata o 31 de decembro de 2014, quedando ao seu termo prorrogado por períodos anuais de xeito automático, salvo previa denuncia dalgunha das partes.