Acordo marco de colaboración entre o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e o Consello Galego de Colexios Veterinarios, para a promoción e colaboración en actuacións de seguridade e saúde no traballo


Obxecto/finalidade: O obxecto deste acordo entre o ISSGA e o Consello Galego de Colexios Veterinarios  é o establecemento de canles de colaboración para o desenvolvemento de actividades de investigación e información en prevención de riscos laborais e vixilancia da saúde do colectivo profesional de veterinarios de exercicio profesional por conta propia, co fin de mellorar as condicións de traballo deste sector, así como apoiar as actividades desenvolvidas polo CGCV en orde á mellora das condicións de seguridade e saúde no traballo, a redución dos riscos laborais, e a investigación e fomento de novas formas de protección persoal ou colectivas e a promoción de estruturas eficaces de prevención no colectivo profesional de veterinarios na Comunidade Autónoma de Galicia. Estas actuacións permitirán a identificación dos principais factores de risco causantes das patoloxías profesionais máis prevalentes en función do tipo de actividade veterinaria ou tipo de establecemento e/ou centro.  
A colaboración farase efectiva mediante o desenvolvemento das accións relacionadas coa seguridade e saúde laboral consistentes en:
 
a) O fomento da prevención de riscos laborais no colectivo de veterinarias e veterinarios.
 
b) A realización polo ISSGA de estudos epidemiolóxicos relativos aos traballadores e traballadoras que integran a profesión veterinaria en relación aos riscos inherentes ao seu posto de traballo, incluíndo a perspectiva de xénero nesta abordaxe, coa finalidade de coñecer o estado de saúde do colectivo e obter información sobre os factores de risco laboral ligados a súa actividade laboral e implicados nos danos para a saúde detectados.
 
c) A proposición, no seu caso, de medidas preventivas e de boas prácticas para reducir os ditos riscos e/ou seus efectos na saúde dos traballadores, mediante a realización de accións de formación, concienciación e difusión en materia de prevención de riscos laborais.
 
d) O intercambio de información en materia de seguridade e saúde laboral cando esta revista especial interese para a prevención de riscos laborais.
 
e) A cooperación e asesoramento mutuo mediante a achega dos coñecementos e experiencia técnicos.
 
f) A elaboración de materiais divulgativos relacionados coa difusión e promoción da prevención dos riscos laborais.
 
g) A promoción da actividade investigadora de ambas as dúas institucións no estudo ou avaliación de calquera problema relacionado coa seguridade e saúde dos traballadores.
 
h) Cantas outras sexan consideradas de interese común, dentro da competencia e disponibilidade das partes, en relación á actividade obxecto deste acordo.
 
Tipo: Acordo marco de colaboración
 
Data sinatura: 04/10/2013.
 
Vixencia: Este acordo marco estenderá a súa vixencia desde a data da sinatura por todas as partes ata o 31 de decembro de 2014, data de vixencia do Plan Estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014.