Acordo marco de colaboración entre o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), para a promoción e colaboración en actuacións de prevención de riscos laborais e seguridade e saúde no traballo para o colectivo de persoas xordas de Galicia


O obxecto deste acordo entre o ISSGA e a FAXPG é o establecemento de canles de colaboración para o desenvolvemento de actividades de información e formación en prevención de riscos laborais destinadas ás persoas xordas de Galicia, así como programar, coordinar e apoiar as actividades desenvolvidas pola FAXPG, en orde á mellora das condicións de seguridade e saúde no traballo das persoas xordas, a redución dos riscos laborais, a investigación e fomento de novas formas de protección e promoción de estruturas eficaces de prevención.
 
A colaboración farase efectiva mediante o desenvolvemento das accións relacionadas coa seguridade e saúde laboral consistentes en:
 
a)    A realización de accións de concienciación e difusión en materia de prevención de riscos laborais destinadas ás persoas xordas de Galicia.
b)    O intercambio de información en materia de seguridade e saúde laboral cando esta revista especial interese para a prevención de riscos laborais das persoas xordas.
c)    A cooperación e asesoramento mutuo mediante a achega dos coñecementos e experiencia técnicos.
d)    A elaboración de materiais divulgativos e didácticos relacionados coa difusión e promoción da prevención dos riscos laborais das persoas xordas.
e)    A promoción da actividade investigadora de ambas as dúas institucións no estudo ou avaliación de calquera problema relacionado coa seguridade e saúde laboral das persoas xordas.
f)     A participación como alumnos nos cursos básicos de prevención de riscos laborais organizados e impartidos polo ISSGA nos seus centros, das persoas xordas vinculadas á FAXPG, coa presenza nos devanditos cursos dun intérprete de língua de signos española (LSE) por parte da federación.
g)    Cantas outras sexan consideradas de interese común, dentro da competencia e disponibilidade das partes, en relación á actividade obxeto deste acordo.
 
Tipo: Acordo marco de colaboración
Data sinatura: 21/11/2014.
Vixencia: Este acordo marco estenderá a súa vixencia desde a data da sinatura por todas as partes ata o 31 de decembro de 2014, prorrogándose tácitamente por anualidades naturais, salvo denuncia de calquera das partes antes do seu termo, ou do termo de cada unha das prórrogas.