O Issga presenta en Ames dúas campañas de prevención laboral en xardinería e fronte á vespa velutina nos centros especiais de emprego


  • Ambas campañas teñen por obxectivo promover nos Centros Especiais de Emprego a seguridade laboral e coñecer os riscos característicos da actividade xunto con propostas preventivas para evitar danos para a saúde
  • O Goberno galego aposta por impulsar o emprego inclusivo en Galicia, coa integración laboral e o emprego de calidade como vectores de loita contra a exclusión social
  • Na presentación en Ames (A Coruña) participou Covadonga Toca, directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, acompañada de Adela Quinzá-Torroja, xerente do Issga

Ames, 10 de xuño de 2021. O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), reforza a súa iniciativa de impulso ao emprego inclusivo e integrador en Galicia para persoas con discapacidade en risco de exclusión social coa presentación de dúas campañas elaboradas para os Centros Especiais de Emprego. As campañas, que teñen por obxectivo a promoción e prevención de riscos laborais nestes espazos de traballo, tratarán sobre os riscos no desempeño de actividades relacionadas coa xardinería e nos traballos fronte a vespa asiática ou velutina.

Ambas campañas foron presentadas hoxe en Ames (A Coruña) por Covadonga Toca, directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, que estivo acompañada de Adela Quinzá-Torroja, xerente do Issga. As dúas iniciativas de información teñen como destinatarios as persoas traballadoras nos Centros Especiais de Emprego asociadas a Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro (Cegasal).

A de xardinería incide no uso e coidado dos Equipos de Protección individual (EPI), na utilización de maquinaria, ferramentas, escaleiras e produtos químicos e os coidados ante as temperaturas extremas ou o manexo dos obxectos pesados, ademais da limpeza no traballo. No caso da promoción ao redor dos riscos en traballos con vespa velutina infórmase ao redor da realización exhaustiva das parcelas de traballo ou a medicación axeitada no caso das persoas alérxicas a vespa asiática.

O obxectivo de ambas iniciativas de difusión é promover nestes Centros Especiais de Emprego una serie de coñecementos e ferramentas coa meta de mellorar as oportunidades laborais das galegas e dos galegos respondendo ás necesidades das persoas que máis dificultades teñen para atopar un emprego.

A estas campañas de información e prevención do Issga seguiralles no futuro outras nos ámbitos da hostalería, a xestión de residuos, as artes gráficas e, tamén, no relacionado coa saúde mental, unha inquedanza social de información e coidados no eido laboral cada vez máis demandada, con información ao redor dos riscos psicosociais derivados da covid-19 para as persoas con discapacidade.