Impartimos un webinar sobre o uso seguro do tractor para catro centros de formación profesional


Santiago de Compostela, 30 de abril de 2021. Este webinar tivo por obxecto a difusión nestes centros da campaña do Issga “A túa vida, sen voltas” , mediante a que se pretende fomentar o uso seguro do tractor, o aumento do número de tractores provistos de estrutura de protección e cinto de seguridade e a importancia de facer uso deles. Pretendese acadar a concienciación do sector primario mediante a formación e información respecto ao risco de envorco e as súas consecuencias.

O feito de levar esta campaña aos centros educativos responde por unha parte a importancia da concienciación respecto da cultura preventiva dende as etapas formativas, e polo tanto na formación profesional, e doutra parte promover comportamentos seguros nos que serán os futuros profesionais que se integrarán proximamente nas empresas e explotacións do sector.

Participarán o alumnado e profesorado dos módulos de “Actividades agropecuarias”, “Aproveitamento e conservación do medio natural”, “ Xestión forestal e do medio forestal” correspondentes aos ciclos básico, medio e superior da familia profesional agraria, nos que o tractor será unha das súas ferramentas de traballo.

Esta campaña do ISSGA deseñouse en colaboración co Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo e enmarcase tamén dentro do Plan Nacional de Sensibilización en Prevención de Riscos Laborais deseñado polo Grupo de traballo do Sector Agrario da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no traballo no que o ISSGA participa activamente.

Para a campaña elaborouse material consistente nun cartel divulgativo un cartel técnico e un documento técnico. Imprimíronse 600 exemplares e ademais disponse destes documento en formato dixital.

A campaña vai dirixida a todos os actores do sector agrario e forestal. Para o desenvolvemento da campaña contarase coa colaboración da Axencia da Industria Forestal (XERA), dos axentes sociais e das cooperativas co fin de chegar ao maior número posible de agricultores, gandeiros, traballadores forestais e todos aqueles que teñan relación coa utilización do tractor no agro galego.

En Galicia hai un importante número de accidentes no medio rural que teñen o tractor como “axente material”, e en moitos casos o resultado das lesión sufridas é grave ou mortal.

Unha gran maioría destes sinistros non teñen a consideración de accidentes de traballo, xa que os sofren en gran número persoas maiores de 65 anos e nunha alta porcentaxe persoas con idade incluso máis avanzada.

Nos accidentes co tractor é coñecido que a morte ou as lesións graves son debidas principalmente a ausencia de estrutura de protección e de cinto de seguridade ou ao non uso deles, ben por levar a estrutura pregada ou non levar o cinto abrochado. Por isto, a instalación de estruturas de protección e cinto de seguridade, así como o uso destes elementos é condición necesaria para que os envorcos de tractor non sigan provocando mortes de tractoristas. Sen embargo, os estudos do parque de tractores mostran un elevado número de tractores en uso que non dispoñen de estrutura de protección e os sinistros producidos mostran que non se facía uso da estrutura de protección xunto co cinto de seguridade polo tractorista cando ocorreron. Ademais, a renovación do parque vese dificultada pola importancia do mercado de segunda man de tractores con mais de 20 anos de antigüidade.

Outro aspecto de vital importancia para a redución das elevadas cifras de sinistralidade é o fomento do uso seguro do tractor. En moitos casos, a falta de adestramento do condutor xunto co descoñecemento dos límites do tractor e dos graves riscos derivados de determinadas manobras ou operacións, especialmente en terreos difíciles ou con pendentes, tan frecuentes na nosa xeografía, producen actos inseguros ou manobras incorrectas que provocan o envorco.