A Xunta destaca a importancia da prevención de riscos laborais ante a covid-19 no Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo


  • A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, e o director da axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participaron hoxe en Lugo nunha xornada sobre prevención de riscos no eido forestal organizada por Lugo Madera
  • Mancha puxo de relevo o papel dos técnicos de prevención durante a pandemia ao ter que adaptar o seu traballo para previr a propagación do virus nos centros laborais
  • Lema destacou o papel da renovación tecnolóxica e a captación de profesionais formados para incidir na seguridade no sector forestal

Lugo, 28 de abril de 2021. A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha e o director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participaron hoxe en Lugo, coincidindo co Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo, na xornada A prevención de riscos laborais no Sector Forestal e a externalización dos procesos organizada pola Asociación Provincial de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo (Lugo Madera).

Na súa intervención, Mancha lembrou que a Organización Internacional do Traballo (OIT) dedica este 28 de abril, Día da Seguridade e Saúde no traballo, a estimular o diálogo para que se invista máis en políticas de prevención e de riscos laborais “resilientes”, coa importancia que esta materia vén de acadar para previr a propagación da covid-19 nos espazos de traballo.

“Non cabe dúbida de que esta pandemia puxo a proba a capacidade de resiliencia das nosas empresas” indicou a directora xeral quen, na mesma liña, enxalzou o labor fundamental dos técnicos de prevención de riscos na pandemia, ao ter que adaptar as avaliacións de riscos, e a planificación das medidas preventivas colectivas a estas circunstancias.

Prevención no eido forestal

Mancha incidiu no traballo que as empresas forestais deben exercer para blindar aos seus traballadores e traballadoras do risco laboral e tamén como responsables da seguridade e saúde das persoas doutras entidades coas que concorren nos seus centros de traballo. “É por iso que queremos chamar atención da importancia da prevención dos riscos laborais asociados a coordinación de actividades empresariais e sobre a necesidade da adopción das medidas coas empresas externas coas que se prestan servizos a través das figuras da contratación ou concorrencia nos centros de traballo”, aseverou.

Pola súa parte, o director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, destacou o esforzo da Xunta por fomentar unha cultura da prevención dos riscos laborais na industria forestal e subliñou a importancia de formar aos profesionais nesta materia.

Lema explicou que a renovación tecnolóxica e as novas técnicas de traballo achegan seguridade e incidiu na necesidade de captar profesionais formados, especialmente no manexo e mantemento desta maquinaria forestal cada vez máis complexa.

Neste sentido, a Xunta ten aberto o prazo de solicitude das axudas que destinan 11,3M€ á renovación tecnolóxica, incluídos equipos de xestión forestal que achegan unha maior seguridade aos traballos forestais. Mediante esta orde de apoios, a provincia de Lugo recibiu o ano pasado un total de 43 axudas por preto de 4,5M€.