Reunión do grupo de traballo técnico no sector forestal


16 de abril de 2021. Este grupo de traballo ten como obxectivo a abordaxe da sinistralidade no desempeño de traballos no monte. Integran o grupo persoal técnico do ISSGA, a entidade Fearmaga (Federación Empresarial de Aserradores e Rematantes de Madera de Galicia), e as empresas Ence e Finsa, que son referentes do sector da transformación madeira en España.

Neste sentido a participación da parte empresarial funciona como canle de comunicación bidireccional e ao mesmo tempo propicia un efecto dominó, polo que as empresas de maior tamaño impulsan ás pequenas empresas e ao persoal autónomo na mellora e aplicación de ferramentas preventivas.

O grupo de traballo está revisando a información existente na actualidade sobre a sinalización dos traballos no monte, enfocados á dobre vertente de advertir da presenza de traballos forestais ao persoal alleo aos aproveitamentos silvícolas e ao mesmo tempo informar ao persoal traballador de pautas de seguridade, uso de EPI, etc.

Analízase como debe ser a sinalización e os pictogramas, se está dirixida a persoal traballador ou ben a persoas alleas, a localización dos sinais, e que os deseños sexan suficientemente claros. As propostas do grupo guíanse polo Real decreto 485/1997, sobre disposicións mínimas en materia de sinalización de seguridade e saúde no traballo e a Guía Técnica do INSST. Así, os pictogramas que se empreguen deben ser o máis sinxelos posibles, o material dos sinais debe ser resistentes aos golpes, inclemencias e agresións medioambientais, e debe facilitarse a súa visibilidade e comprensión.

No Plan de actividades do ISSGA 2021 o forestal inclúese como un sector de actuación prioritaria e preferente, tanto no eido do estudo e investigación de accidentes coma no asesoramento técnico a empresas e promoción da prevención de riscos laborais e ten previsto desenvolver diversas actuacións no sector co apoio e asesoramento deste grupo de traballo.