A unidade covid-19 do ISSGA, referente no apoio ao tecido produtivo ante os riscos laborais emerxentes derivados da pandemia


  • A directora xeral de Relación Laborais, Elena Mancha, destacou hoxe en Comisión parlamentaria a adaptación das actuacións no eido laboral do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) á evolución das medidas da covid-19
  • Puxo en valor o apoio a pemes, micropemes e persoas traballadoras autónomas dispensado polo Instituto para activaren medidas preventivas
  • O ISSGA puxo a dispor das empresas un modelo de plan de continxencia con medidas para minimizar a transmisión do virus nos centros de traballo

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2021.- A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, puxo en valor hoxe en sede parlamentaria o importante papel desenvolvido polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) desde o inicio da pandemia, ao adaptar en cada momento as medidas de apoio ao tecido produtivo, nos ámbitos da prevención e da saúde laboral.

Entre o conxunto de medidas, a directora xeral fixo énfase na creación, por parte da Consellería de Emprego e Igualdade, da Unidade Covid-19 para reforzar a atención ás demandas do tecido produtivo neste contexto de pandemia. Neste sentido, Mancha puxo en valor “o impulso propio e proactivo” do Instituto na prevención fronte ao risco de transmisión nos centros de traballo “sen descoidar os efectos de danos para a saúde da poboación traballadora por mor da pandemia e outros riscos emerxentes polos cambios no traballo do futuro”.

Mancha deu resposta a unha pregunta parlamentaria acerca das medidas de divulgación de guías e outros materiais para dar coñecer a autónomos, pemes e micropemes como actuar en supostos de contaxios nos centros de traballo. Nestes casos, destacou, “a dificultade para aplicar as medidas preventivas é maior por non contar en ocasións co asesoramento dun servizo de prevención de riscos laborais e por precisar dunha tutela ou axuda especial pola súa menor estrutura”.

Dende o inicio desta pandemia, o ISSGA reorganizou o seu traballo para dar resposta á prevención da transmisión do coronavirus na contorna laboral, facendo coincidir as súas actuacións cos escenarios en permanente evolución que xorden, tanto das limitacións das actividades, como da propia evolución da normativa sanitaria.

Durante estes meses difundíronse materiais entre o pequeno comercio e documentos particularizados por sectores. Estiveron dirixidos, entre outros, á automoción, ao naval, forestal, construción, tendas de alimentación, oficinas de farmacia, coidadoras a domicilio, gasolineiras ou redeiras.
Segundo apuntou Mancha, deuse apoio, en coordinación con outras consellerías, tamén ao sector do taxi, xuntas de veciños, transporte compartido, centros especiais de emprego, mercados de venta non sedentaria, oficinas, eventos, clúster do téxtil e espectáculos públicos e audiovisuais.

Entre as actuacións máis recentes, desenvolveuse unha campaña en supermercados para adaptar as medidas á nova situación pandémica, e se editaron manuais e se prestou asesoramento a recintos feirais, persoas traballadoras autónomas ou deporte galego non federado, entre outros ámbitos.

“Desenvolveuse un bo traballo técnico que ten un carácter transversal”, reflectiu a directora xeral na súa intervención, na que puxo como exemplo de bo facer, a elaboración dun modelo de plan de continxencia para facilitar a súa redacción polas empresas; o manual de medidas para minimizar o risco de transmisión por aerosois; o asesoramento sobre máscaras e outros medios de protección; o asesoramento sobre métodos de desinfección, así como a liña aberta para consultas.