A Xunta convocará o programa 'Responsabilízate' que incluirá nesta edición asesoramento ás pemes para a implantación de medidas de igualdade


  • A iniciativa, que xa ofrecía mentorización ás pequenas e medianas empresas sobre Responsabilidade Social Empresarial (RSE), favorecerá a aplicación de medidas que promovan a igualdade e impulsen o talento feminino
  • Responsabilízate asesora de xeito gratuíto e personalizado ao tecido empresarial galego para implantar a responsabilidade social e a igualdade de oportunidades na xestión do negocio
  • O Goberno galego está a desenvolver unha Estratexia propia de RSE e está a impulsar diferentes medidas para que Galicia avanza cara á igualdade entre homes e mulleres

A Xunta convocará este ano unha nova edición do programa Responsabilízate que ademais de ofrecer asesoramento gratuíto e personalizado ás pequenas e medianas empresas galegas sobre Responsabilidade Social Empresarial (RSE) incluirá tamén asesoramento para a aplicación de medidas para fomentar a igualdade de oportunidades e impulsar o talento feminino. Responsabilízate ofrecerá, polo tanto, ao tecido empresarial galego un servizo de titorización para a diagnose, formación e posta en marcha de plans no ámbito da RSE e da igualdade.

A Consellería de Emprego e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Relacións Laborais, traballa no fomento de medidas para que as empresas galegas aposten por unha xestión rendible de forma ética, xa que xera maior produtividade, lealdade do cliente, acceso a mercados e credibilidade. A evolución demostra que Galicia ten a capacidade para crecer con valores priorizando o emprego de calidade, o benestar social e económico e o medio ambiente.

Así, Responsabilízate trata de dar ás empresas un servizo para estudar a posibilidade de implantación da RSE na súa xestión, analizando, para iso, o estado, potencial competitivo e situación da RSE na súa compañía, formación para afondar no coñecemento e ferramentas nesta materia, así como axuda para a definición dun plan de acción, implantación e primeiras accións na materia. A igualdade de oportunidades e a RSE contribúen á mellora da competitividade e á calidade das empresas.

O Goberno galego conta cunha estratexia propia de RSE cuxo obxectivo é mellorar a xestión da Responsabilidade Social ao longo dos dous próximos anos. Para iso, estanse a impulsar novas actuacións como programas de titorización e formación ou a creación dun centro virtual de coñecemento a través do cal se poña a disposición das empresas unha contorna de teleformación.

Crearanse, así mesmo, oficinas de asesoramento en materia de RSE nas catro provincias galegas a través das cales se desenvolverán actividades de divulgación como charlas, obradoiros telemáticos, encontros con expertos, asesoramento personalizado e actuacións de dinamización con sectores e asociacións.

As pemes, ademais, xa contan cunha ferramenta gratuíta de autodiagnose (Xunta pro RSE) que permite avaliar as actuacións en materia socio-laboral, ambiental e económica, seguindo estándares nacionais e internacionais nesta materia. Existe, por outra banda, unha oficina de asesoramento en materia de RSE.

Igualdade

En materia de igualdade, a Xunta apoia ás entidades locais galegas na promoción da igualdade con 1,5 millóns de euros este ano. Este programa permitiu en 2020 o desenvolvemento de 250 actividades de conciliación que chegaron a 4.796 pais e nais e a 5.922 nenos e nenas. En 2021 tamén convocaranse as axudas para impulsar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial nas empresas con 1,6 millóns, con incentivos para o fomento do teletraballo e a flexibilidade horaria e financiamento para a adquisición de equipos informáticos para garantir o dereito á conciliación.