Participamos no congreso ORP on line_Abril 2020


Hoxe, 28 de abril, día mundial da seguridade e saúde no trabalo, tivo lugar a segunda das xornadas deste congreso que, baixo o lema "Empresa saudable 5z: unha visión holística de cultura preventiva", ten lugar do 27 de abril ao 1 de maio de 2020.

O Issga estivo presente neste evento coa participación da súa xerente, Adela Quinzá-Torroja García, na presentación das actividades desda xornada así como na mesa debate "Zero enfermedad" xunto con Francisco Marqués, Tomás Camacho e Francisco Ruiz.

Adela Quinzá-Torroja indicou que, a pesar da situación actual que estamos a vivir, non cabe a improvisación, debemos actuar analizando ben todos os factores. Destacou a todo o seu equipo que está a realizar un importante esforzo, froito do cal son a elaboración de varias guías e documentos con recomendacións que se foron adaptando á evolución da pandemia nos distintos sectores e actividades; ademais creouse unha liña de consultas nas que se traballa nas diversas especialidades preventivas – seguridade no traballo, hixiene industrial, ergonomía e psicosocioloxía e medicina do traballo.

Subliñou a importancia de acompañar para xerar confianza, tanto aos traballadores como aos usuarios.

Así mesmo, tamén indicou que se está a realizar un estudo epidemiolóxico que vai axudar a tomar medidas con maior coñecemento técnico, mentres tanto, non debemos descoidar os riscos propios de cada traballo, xa que estes riscos seguen estando presentes na actividade diaria.

Destacou que a palabra prevención ten sido unha das máis nomeadas a nivel mundial estes días; todos temos unha maior percepción do risco e vemos como a cultura preventiva calou dun xeito moi potente en toda a sociedade, sendo conscientes de que con medidas preventivas se poden eliminar ou minimizar os riscos.

A PRL ten que estar instaurada na sociedade de xeito permanente e isto nos axudará a coidar o futuro dos nosos fillos, do planeta e tamén dos nosos maiores.