Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo


Santiago de Compostela, 28 de abril de 2020.- Hoxe conmemórase o Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo. Este ano, dando resposta á actual situación que estamos a vivir a nivel mundial, o tema escollido é “Deteñamos a pandemia: a seguridade e saúde no traballo pode salvar vidas”, enfocado en abordar o brote das enfermidades infecciosas no traballo, prestando especial atención á actual pandemia de COVID-19.

O obxectivo é estimular o diálogo nacional tripartito sobre a seguridade e a saúde no traballo. A OIT utiliza este día para sensibilizar sobre a adopción de prácticas seguras nos lugares de traballo e o papel que desempeñan os servizos de seguridade e saúde no traballo (SST). Tamén se centra no mediano e longo prazo, incluídas a recuperación e a preparación para o futuro, en particular, a integración de medidas nos sistemas e políticas de xestión da SST a nivel nacional e empresarial.

Dende o ISSGA estamos a realizar un traballo conxunto cos axentes sociais dirixido a axudar e acompañar con rigor técnico ao tecido empresarial galego durante a pandemia e dun xeito especial na volta ao traballo dos diversos sectores da nosa economía.

Neste momento a palabra máis repetida é prevención e con ela a percepción de que a anticipación ao risco é necesaria e xa está instalada de golpe na nosa sociedade, dándonos mostra da  fortaleza da prevención de riscos laborais.

Queremos alertar e lembrar os riscos laborais propios de cada sector,  especialmente os de maior risco ou sinistralidade, motivo polo que, ademais de elaborar unha guía de recomendacións preventivas de saúde laboral ante o coronavirus, preparamos documentos en varios formatos para moitos sectores e actividades, que continuamos ampliando: construción, forestal, lousa, naval, automoción, áridos, industria extractiva, tendas de alimentación, gasolineiras, obras de rehabilitación, reformas e reparacións en edificacións, industria manufactureira, empregadas de fogar, axuda a domicilio, centros especiais de emprego, atención de chamadas telefónicas, tinturarías, supermercados, etc.; tamén creamos unha liña de consultas nas que traballamos as diversas especialidades preventivas – seguridade no traballo, hixiene industrial, ergonomía e psicosocioloxía e medicina do traballo.

Por último, temos que poñer en valor o labor do persoal dedicado á seguridade e a saúde no traballo e manifestar o recoñecemento e apoio a aqueles que están en primeira liña,  a homenaxe ás vítimas, o acompañamento e respecto para as súas familias así como a nosa axuda e colaboración para todos aqueles que se ven prexudicados no seu emprego e benestar.