Industria elabora guías técnicas para empresas interesadas na fabricación de EPI e mascarillas para uso sanitario


O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo elaborou unha serie de guías técnicas para empresas interesadas na fabricación de equipos de protección individual e mascarillas cirúrxicas, que inclúen as especificacións que teñen que cumprir e o proceso de verificación posterior.

O obxectivo é dobre:

  • dispoñer dun catálogo de capacidades industriais nacionais que poidan aumentar o autoabastecemento deste tipo de produtos, esenciais para a prestación de calquera tipo de actividade, non só a sanitaria, e con industrias ancoradas no territorio

  • por outro, reducir a exposición do país ás convulsións que os mercados internacionais de compravenda de equipos de protección están a sufrir, e poidan sufrir no futuro, como consecuencia de situacións de emerxencia como a actual.

As guías están ao dispor das empresas interesadas na web do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo (https://www.mincotur.gob.es/es-es/COVID-19/Paginas/guias-para-fabricacion-de-mascarillas-y-ropa-de-proteccion.aspx). Inclúen información sobre os diferentes tipos de mascarillas, marcado CE das mascarillas filtrantes de protección contra partículas, procesos de fabricación de mascarillas cirúrxicas e hixiénicas, roupa de protección, batas cirúrxicas, lentes de protección, pantallas faciais, luvas, normativa aplicable e outros aspectos, a partir de información da Secretaría Xeral de Industria e Peme, o Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo ou AITEX.

Así mesmo, tamén se indica de seguido unha ligazón do INSST sobre a verificación de certificados/informes que acompañan aos EPI.