A Xunta avoga por facer da prevención a ferramenta imprescindible para mellorar as condicións laborais e contar cun emprego seguro e de calidade


  • A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, informou esta mañá do Plan de Actividades 2020 do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga)
  • Traballarase nunha Guía técnica de boas prácticas en prevención de riscos laborais de danos por exposición a ruído e nun estudo sobre a exposición ao sílice
  • Realizaranse 26 campañas informativas que estarán centradas en eidos como o estrés, a redución de accidentabilidade dos motoristas de reparto, boas prácticas no uso de drons ou unha campaña para a colocación de unllas permanentes e pestanas postizas

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2020. A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, informou esta mañá do Plan de Actividades 2020 do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) unha iniciativa enmarcada na Estratexia Galega de seguridade e saúde no traballo 2017-2020 e avogou por facer da prevención a ferramenta imprescindible para mellorar as condicións laborais e contar cun emprego seguro e de calidade.

Tal e como explicou Covadonga Toca, o plan conta co consenso da representación sindical e empresarial e concrétase en sete eixes e 55 fichas de actividade. Dentro destes eixes, destaca o labor do Observatorio galego de condicións de traballo que, a través da análise de datos, permite apoiar a toma de decisións no eido da prevención e das condicións de traballo. Así, en 2020 avanzarase na elaboración dunha guía técnica de boas prácticas en prevención de riscos laborais de danos por exposición a ruído no traballo e un estudo de danos por exposición ao sílice. Segundo os datos de 2019, rexistráronse un total de 29.527 accidentes en xornada laboral, dos que 29.003 foron leves, 470 graves e 54 mortais.

A principal novidade no 2019 foi a inclusión nas estatísticas da grande maioría dos traballadores e traballadoras por conta propia incluídos no RETA. O índice de incidencia amosa unha baixada da sinistralidade por accidentes de traballo dun 12,97%.

A secretaria xeral insistiu na importancia da prevención e da difusión das medidas que axudan a reducir a sinistralidade. Así, un dos eixes fundamentais do Issga é a elaboración de programas de promoción da prevención con accións que se adaptan ás necesidades máis demandadas en cada momento. Neste sentido, o Issga prevé realizar en 2020 un total de 26 campañas específicas poñendo o acento en asuntos como o estrés, a redución de accidentabilidade dos motoristas de reparto, boas prácticas no uso de drons ou unha campaña para a colocación de unllas permanentes e pestanas postizas. Ademais doutras accións destinadas ao manexo seguro do tractor, ou medidas preventivas no eido forestal, pesqueiro e da construción.

Pero o Issga traballa noutros eidos. Así, no eixe referido á transversalidade, participa en 40 grupos de traballo e, entre os obxectivos máis inmediatos destaca o seu traballo para integrar a igualdade nas políticas de prevención de riscos laborais. No ámbito da investigación, o Issga seguirá centrado no coñecemento das causas dos accidentes de traballo e enfermidades profesionais para propoñer as medidas preventivas oportunas, así como a cooperación coa Inspección de Traballo e Seguridade Social. Outras das funcións máis relevantes da entidade será seguir ofrecendo asesoramento técnico e actuacións coordinadas coas autoridades sanitaria, mineira ou xudicial. Neste sentido, calcúlase que os técnicos realicen este ano ao redor de 600 actuacións en sectores como a construción, o agroforestal ou actividades de controis de recoñecementos médicos.

O Issga seguirá incidindo tanto na formación como na información técnica grazas á posta en marcha da Aula de Risco Eléctrico, cursos específicos para a formación profesional e a promoción do valor da prevención entre os escolares galegos a través da Escola Galega de Prevención.