O centro ISSGA de Lugo acolle unha xornada técnica sobre bioseguridade


Lugo, 7 de novembro de 2019.- O obxectivo desta actividade é informar aos profesionais da prevención, técnicos, empresarios e traballadores sobre a importancia da bioseguridade na prevención de risco biolóxico e os protocolos que se deben cumprir para evitar exposicións de risco.

Cunha formulación eminentemente práctica, tentaremos entender a bioseguridade como o elemento principal para garantir a seguridade laboral nas actividades con manipulación de axentes biolóxicos e ofrecer os coñecementos necesarios para o seguimento dunhas boas prácticas de traballo e para o correcto deseño e construción de instalacións destinadas á manipulación de axentes biolóxicos de alto risco.

A microbioloxía é a ciencia da bioloxía dedicada a estudar os microbios, seres vivos pequenos só observables a través do microscopio.

Tendo en conta a importancia da bioseguridade no control e prevención dos riscos asociados a estes microorganismos, organizouse esta xornada na que se quere reforzar e ofrecer coñecementos sobre o conxunto de medidas e protocolos de actuación que se deben cumprir para evitar exposicións de risco.

Ao longo da xornada abordaranse os seguintes aspectos:

  • A utilidade da avaliación de risco biolóxico como ferramenta imprescindible para a planificación preventiva, e por tanto, elemento chave da bioseguridade
  • Os conceptos bioseguridade e biocustodia; así como sobre os elementos que forman parte da contención biolóxica, para a continuación realizar unha revisión dos aspectos máis importantes que se debe de ter en conta no deseño dos laboratorios e animalarios de nivel 2 e 3 de contención biolóxica (NCB2 e NCB3).

Tanto para os laboratorios NCB2 e 3 como para os animalarios NCB2 e 3, describiranse os axente biolóxicos, mostras e animais que se acostuman utilizar, e as técnicas que se acostuman realizar en investigación e diagnóstico, tanto “in vitro” como “in vivo”, valorando en cada caso o tipo e magnitude de risco biolóxico. Tamén se ofrecerán exemplos de adaptacións de deseño segundo diferentes escenarios e, para rematar, describirase de forma resumida o tipo de xestión e as normas a seguir en cada nivel de contención.

  • Os aspectos máis problemáticos, tanto os referentes ao deseño, mantemento e validación dos laboratorios, así como do deseño de instalacións industriais e da seguridade biolóxica ao redor de pacientes: atención clínica e laboratorio de microbioloxía.
  • A importancia da utilización dos equipos de protección individual fronte a riscos biolóxicos.