Presentación da campaña de sensibilización no sector agrario


Madrid, 8 de outubro de 2019. Segundo o Observatorio Estatal de Condicións de Traballo (OECT) do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST), o principal axente material asociado ao accidente en xornada laboral na actividade agrícola e gandeira é o tractor, sendo o envorco un dos accidentes que pode conlevar consecuencias mortais para o tractorista se non se adoptan as medidas de seguridade pertinentes.

Tendo en conta o exposto anteriormente, a Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (CNSST) aprobou que a primeira campaña do Plan Nacional de Sensibilización en Prevención de Riscos Laborais no Sector Agrario estea dedicada ao envorco de tractor co lema “A túa vida, sen voltas”.

O obxectivo da campaña que se presentou hoxe na sede do INSST en Madrid é o fomento do uso seguro do tractor e a correcta utilización de ROPS (estrutura de protección en caso de envorco) e cinto de seguridade, para conseguir a redución tanto do número de accidentes por envorco como do número de falecidos.

Ángel López Álvarez, xefe do Centro Issga de Ourense e Coordinador do subgrupo de traballo de maquinaria agrícola da CNSST impartiu un relatorio sobre os “Accidentes por envorco de tractor: situación actual”.

Todo o material, que estará dispoñible na páxina web: www.tuvidasinvuelcos.com, será utilizado nas xornadas técnicas e de sensibilización previstas na campaña, entre elas na nosa comunidade autónoma, con obxecto de chegar ao maior número de agricultores autónomos e traballadores por conta allea.

Esta campaña súmase ás realizadas desde o ISSGA nos últimos anos, froito da colaboración das administracións públicas, para fomentar a prevención de riscos no manexo do tractor e concienciar e reducir a sinistralidade, especialmente no ámbito rural, sensibilizando á poboación para que incorpore nas súas tarefas cotiás a prevención de riscos para evitar accidentes na súa contorna e na circulación en vías públicas.