O ISSGA elabora un manual de boas prácticas e seguridade no traballo nos laboratorios


O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) vén de elaborar un manual de boas prácticas de prevención de riscos laborais e de seguridade nos traballos en laboratorios, que hoxe se presentou ás tres universidades galegas en Santiago. A directora do Instituto, Adela Quinzá-Torroja, clausurou hoxe a presentación desta iniciativa, un acto que contou coa participación dos responsables de prevención de riscos laborais das tres universidades galegas.

O manual, que elaborou a técnica de Hixiene Industrial do ISSGA e doutora en Bioloxía, Lucía Ferrón, proporciona información básica para desenvolver o traballo de laboratorio en condicións seguras en consonancia co que marca a lexislación vixente en materia de prevención de riscos laborais. Ademais de abordar os principais perigos e riscos, a guía inclúe normas de conduta e protocolos de actuación en caso de accidente. No documento considéranse fundamental os riscos producidos nun laboratorio onde exista unha exposición a axentes químicos.

A guía, segundo explicou Quinzá-Torroja, vai dirixida a todos os laboratorios de investigación, docencia, análise, de control de calidade ou síntese de produtos, entre outros, tanto no ámbito público como no privado. Neste último eido, o empresario, como responsable da seguridade e da saúde dos seus traballadores, deberá designar unha persoas encargada (normalmente o director/responsable do laboratorio) de engadir a información específica para cada laboratorio.

Quinzá-Torroja lembrou que naqueles laboratorios nos que se manipulan materiais radiactivos, o control da exposición dos traballadores a estes produtos é competencia do Consello de Seguridade Nuclear, que o fai mediante os servizos e unidades técnicas de protección radiolóxica.

Por último, a directora do ISSGA indicou que a elaboración deste documento forma parte do eixo de formación, difusión e sensibilización do Plan de Actividades do ISSGA para o ano 2014 e se encadra no acordo marco de colaboración que o Instituto e as tres universidades manteñen para a promoción e información da prevención de riscos laboráis.