Convocatoria de galardóns europeos ás boas prácticas

Ámbito: España
Lugar de celebración: España
Os Galardóns Europeos ás Boas Prácticas da Campaña “Traballos saudables: relaxemos as cargas” teñen como obxectivo recoñecer os casos de éxito de empresas e organizacións que preveñen e xestionan activamente os trastornos musculoesqueléticos (TME) no lugar de traballo.
Quen organiza?
Este certame convócao a EU-OSHA para poñer de relevo os beneficios dunha boa seguridade e saúde no traballo, e serve como plataforma para a difusión e a promoción das boas prácticas en toda Europa. A participación está aberta ás candidaturas de empresas e particulares de toda Europa, e tamén de organizacións como interlocutores sociais e profesionais relacionados coa prevención de riscos laborais.
A Rede Española de Seguridade e Saúde no Traballo (RESST), da que forma parte o ISSGA, colabora coa EU-OSHA na difusión da convocatoria e na procura de candidaturas entre as empresas e organizacións do noso país.
O INSST, en calidade de Centro de Referencia en España, recompila as candidaturas nacionais e participa na selección das dúas que concursarán no certame de ámbito europeo. A avaliación e selección das candidaturas realízase por un xurado composto por organizacións empresariais, organizacións sindicais e por representantes das administracións con competencias en seguridade e saúde no traballo, tanto de ámbito autonómico como do Estado.
Cales son os requisitos para participar?
Búscanse empresas e organizacións que desenvolvesen medidas preventivas encamiñadas a eliminar os riscos implicados na aparición de TME.
Poden participar empresas individuais ou organizacións de calquera tamaño, de feito, para favorecer a participación das empresas máis pequenas existen dúas modalidades de candidaturas; unha candidatura para empresas cun persoal de menos de 100 persoas e outra para empresas de 100 ou máis persoas.
As empresas e organizacións candidatas deben ter un forte compromiso coa prevención e o tratamento dos TME no lugar de traballo e demostrar que as medidas adoptadas tamén reportan beneficios para a produtividade da empresa.
A boa práctica presentada debe ser un exemplo real de xestión efectiva e innovadora da seguridade e a saúde no traballo destinada á prevención dos TME.
Na candidatura débese describir con claridade como se aplicaron boas prácticas de prevención no lugar de traballo e que se logrou respecto diso.
É importante ter en conta que quedan fóra desta convocatoria aqueles exemplos que se desenvolveron con fins comerciais. Isto refírese en particular a produtos, ferramentas ou servizos que se comercializan ou poderían comercializarse.
Como presento a candidatura?
Para presentar a candidatura débese encher un sinxelo formulario seguindo as indicacións contidas no mesmo. Pode acceder ao formulario na seguinte ligazón:
Este formulario deberá presentarse como documento de MS Word e enviarse en formato electrónico a pfocalagenciaeuropea@insst.mites.gob.es.
Cal é o prazo?
O prazo finaliza o 30 de setembro de 2021.
Cando se coñecen os galardoados?
En abril de 2022 anunciaranse os gañadores.
En que consiste o premio?
Os galardóns europeos ás boas prácticas constitúen un dos maiores recoñecementos no ámbito da seguridade e a saúde no traballo que se poden obter a escala europea.
Os galardóns entregaranse nunha cerimonia que terá lugar en novembro de 2022 de repercusión europea. Tamén se recoñecerán os logros de todas as organizacións que participaron. A información detallada de todos os exemplos que reciban un galardón ou unha mención será obxecto dunha ampla promoción en toda Europa e publicarase a través do sitio web da EU-OSHA.
O INSST e a Rede Española de Seguridade e Saúde no Traballo (RESST), á súa vez, farán a maior difusión posible dos exemplos destacados e galardoados de España. Os galardoados ademais participarán en actividades específicas destinadas a promover o coñecemento das súas solucións de éxito a través dos medios de comunicación de ámbito nacional.
Toda a información en: