Plan de actividades 2014


A actividade do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) desenvólvese de xeito planificado, mediante a elaboración anual dun plan de actividades, que inclúe as actuacións técnicas que se desenvolverán no período correspondente. Este documento compendia as principais liñas técnicas de traballo que desenvolverá o durante o ano 2014, cinguíndose aos fins e funcións definidos para este instituto na Lei 14/2007 que o crea e regula, e polo Plan Estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014, que define as políticas que nas materias de seguridade, hixiene e saúde laboral estableceron os poderes públicos da Comunidade autónoma para a mellora das condicións de traballo, co obxecto de eliminar ou reducir na orixe os riscos inherentes ao traballo durante o período, e das que o Issga é o órgano encargado da súa xestión e coordinación, sen esquecer a necesaria colaboración dos axentes sociais e doutros órganos da administración con competencias en prevención, dado que dito Plan estratéxico foi aprobado no marco do diálogo social en Galicia.
 
O período considerado corresponde ao último ano de vixencia do devandito Plan Estratéxico, polo que incide nas medidas para o seu eficaz cumprimento, sen esquecer as funcións deste organismo, que determinan actuacións de carácter permanente. Deste xeito, mantéñense as actividades definidas como permanentes en períodos anteriores, e incídese especialmente en actuacións temporais encamiñadas ao remate da execución do Plan Estratéxico para Galicia, reforzando liñas iniciadas como a colaboración interinstitucional cos outros departamentos da Xunta con competencias en materia de saúde laboral, en consonancia co obxectivo 3 daquel.
 
Por outra banda, a participación do Issga no programa de desenvolvemento rural sostible, iniciada hai dous anos, supón un incremento notable nas accións de formación e información dirixidas aos traballadores do sector primario, e as actividades de estudo, investigación e elaboración de documentación que serven de soporte a aquelas. Por iso, no ano 2014 incrementase, consecuentemente, o número de fichas de actividade neste eido. 
 
É tamén o ano de remate de actividades de carácter plurianual iniciadas en exercicios anteriores a das que só resta a presentación de resultados, como o Mapa de risco químico ou a colaboración cos institutos autonómicos para a elaboración da Guía da vixilancia da saúde para o sector da pesca.
 
Dado que moitas actividades que forman parte das funcións propias do Issga teñen un carácter permanente, e especialmente naquelas que derivan de solicitudes doutras entidades ou organismos, non se establecen obxectivos específicos temporais, polo que nestas, a descrición da actividade e os obxectivos xenéricos permanecen sen cambios respecto a anos anteriores, agás cando se definan ampliacións ou cambios nos procedementos de actuación, en cuxo caso, especificaranse coma obxectivos para 2014.
 
Do mesmo xeito, as premisas que se definiron noutros exercicios como base para a planificación das actividades técnicas do Issga permanecen sen cambio, e son:
 
-        Os seus fins e funcións, definidos nos artigos 3 e 4 da Lei 14/2007.
-        O cumprimento dos obxectivos e accións definidos polo Plan Estratéxico para a PRL en Galicia 2011-2014.
-        Os recursos humanos e materiais dispoñibles, tanto propios como os que procedan de colaboracións con outros axentes, que determinan a súa capacidade de obrar.
-        As necesidades propias do organismo, na procura da mellora da súa xestión e resultados, e da potenciación do seu papel como órgano coordinador das políticas que nas materias de seguridade, hixiene e saúde laboral establezan os poderes públicos da Comunidade Autónoma.
-        A consolidación de accións emprendidas en anos anteriores.
-        As actividades xa iniciadas de carácter plurianual, ou as anuais que interesa prolongar no tempo, en función do seu impacto e eficacia.
-        A existencia de actividades non programables, que é consecuencia da propia natureza da labor que desenvolve o Issga, ao actuar nos casos de accidente, ou ao atender a demandas e requirimentos doutros organismos ou dos axentes sociais.
-        A aparición de normativa e de criterios técnicos novos.
-        O estado sociolaboral actual en xeral, e da PRL en particular.
-        A adaptación aos novos coñecementos, aos cambios e ao progreso técnico que se produzan no eido da prevención de riscos.
-        As necesidades e demandas da sociedade en xeral, dos axentes sociais, e das empresas e os seus traballadores e traballadoras en concreto.