Informe de actividade 2012


Informe de actividade 2012
O instituto dentro das funcións legalmente atribuídas ten o deseño das súas principais liñas de actuación na estratexia en prevención de riscos laborais consensuada polo goberno de Galicia e os axentes sociais para o período 2011-2014; así, o ISSGA, como órgano encargado da xestión e a coordinación das políticas adoptadas nesta materia, concreta a execución das súas tarefas nos sucesivos plans anuais de actividades do Instituto.
No contexto aludido, a Comisión de Goberno do ISSGA, na súa reunión do 15 de decembro de 2011 aprobou o Plan de actividades 2012, e estableceu as liñas dese ano para dar cumprimento aos obxectivos contemplados na Estratexia en prevención de riscos laborais, Galicia 2011-2014. A participación cualificada dos axentes sociais (UGT Galicia, SN de CCOO de Galicia, CIG e CEG) no máximo órgano de goberno do ISSGA pon de manifesto que as actividades recollidas no plan, e cuxa execución se reflicte nesta memoria, deben identificarse como un traballo conxunto de todos os implicados no eido da seguridade e saúde laboral en Galicia.

No artigo 6 da Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, establécese que con periodicidade anual se elaborará unha memoria de actividades da que se dará conta ao Parlamento de Galicia para os efectos de control deste organismo. Mandato que se cumpre con este documento que, sen pretender ser exhaustivo, recolle o que consideramos fundamental do noso traballo no ano 2012, e estrutúrase en sete puntos: a estrutura e organización, os recursos, a actividade institucional, as relacións con outros organismos, a actuación técnica, o directorio e os anexos.

 

Superado o 2012 e polo tanto os dous primeiros anos de vixencia da estratexia, cómpre dar conta do realizado, debe poñerse énfase en que a visión non debe ser só cuantitativa, senón e sobre todo cualitativa e de resposta efectiva ás demandas da sociedade, así, a elaboración de proxectos cunha notable complexidade técnica, como pode ser o mapa de risco químico, o plan de sobreesforzos, o gran avance na materia de coordinación coa autoridade sanitaria en aspectos como a sospeita de enfermidades profesionais, na protección dos traballadores expostos ao amianto e a normalización de información para posibilitar a asunción polos terceiros obrigados dos custes pola asistencia sanitaria prestada polo Sergas, a nova forma de mancomunar coñecementos e recursos nos proxectos conxuntos con outros institutos do norte de España nun sector de tanta preocupación como é a pesca, a Escola galega de prevención para amosar dende nenos o valor da anticipación ao risco e a necesidade de combatelo na súa orixe, etc., fan que se avalíe como moi positivo o traballo das persoas que integramos o ISSGA e que moito do emprendido supoña unha nota de avance e reforce ao ISSGA como órgano transversal para todo o que se refire a saúde e seguridade no traballo.
 
Confiamos en que todo este traballo teña continuidade e que axude a pór en valor a necesaria asunción, e máis nestes tempos de crise, da prevención de riscos laborais polo tecido empresarial, traballadores e traballadoras e, en xeral, pola sociedade galega, para evitar custos incompatibles co dereito ao traballo nun estado de benestar.