Campaña para previr a fatiga na condución


O ISSGA colabora co RACE e ANFABRA nunha campaña para fomentar os hábitos saudables ao volante entre os traballadores galegos.

• A campaña conta con materiais que se distribuirán entre as empresas, así como un soporte de formación en liña a través da Academia do Real Automóvil Club de España (RACE)

• Inclúe a distribución de 10.000 dípticos informativos, así como a celebración de 100 cursos de formación en liña en materia de seguridade viaria para responsables de prevención de riscos nas empresas

• A fatiga provoca unha diminución de atención ao volante, aumenta nun 86% o tempo de reacción ante un obstáculo e fai que se deixen de ver o 40% dos sinais

• Tomar uns minutos de descanso, estirar as articulacións ou beber un refresco poden previr os sinistros na condución

Novembro de 2011.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) e o Real Automóvil Club de España (RACE), coa colaboración de ANFABRA, veñen de lanzar unha campaña para concienciar aos traballadores da importancia de adoptar hábitos saudables ao volante, acción que se inclúe dentro da Campaña de Prevención da Fatiga na Condución "Un refresco, o teu mellor combustible".

A campaña contará con materiais que se distribuirán entre as empresas, así como un soporte de formación en liña a través da Academia RACE (www.academiarace.com/issga) Ademais, os usuarios disporán dunha web onde poden consultar informes e estudos sobre fatiga (www.fatigayconduccion.es).

En concreto, incluirá a distribución de 10.000 dípticos informativos para os traballadores e de 300 carteis para as empresas, así como a celebración de 100 cursos de formación en liña en materia de seguridade viaria para responsables de prevención de riscos nas empresas.


Consellos

Tomar uns minutos de descanso, estirar as articulacións ou beber un refresco que axude a manter a capacidade de atención poden previr os sinistros na condución.

En 2010 roducíronse en Galicia 4.175 accidentes de traballo relacionados co tráfico. Destes accidentes, 2.919 (o 70%) producíronse ao ir ou volver do centro de traballo e os 1.256 (30%) restantes aconteceron durante a xornada laboral.

O cansazo provocado pola propia xornada laboral fai que os traxectos de regreso á casa sexan os que presentan un maior risco de accidente. O estudo RACE-ANFABRA sobre fatiga e condución en Galicia revela tamén que un de cada tres galegos iniciou unha viaxe despois da súa xornada laboral, co risco de sinistro.

Nestes meses, a redución de horas de luz fai que aumente o cansazo físico e visual. Xunto a isto, o non beber os suficiente e o estres tamén aumenta o risco de fatiga.

Segundo os estudos realizados por RACE e ANFABRA dentro desta campaña conxunta, a fatiga provoca unha diminución de atención ao volante, aumenta nun 86% o tempo de reacción ante un obstáculo e fai que se deixen de ver o 40% dos sinais.

A fatiga é un elemento de risco entre os profesionais ao volante, como taxistas, repartidores ou condutores de autobuses. Segundo estudos desenvolvidos neste colectivo, a maioría son conscientes do risco de sufrir fatiga durante a condución, pero en ocasións non detectan os seus síntomas a tempo.

Así, os datos en Galicia revelan que o 80% dos condutores galegos sufriron algunha vez somnolencia ao volante, un 52% picor de ollos e visión borrosa, e un 62% perdida de concentración. En termos xerais, os datos en Galicia superan a media de España.

Así mesmo, a hidratación é importante para manter as funcións físicas e a capacidade cognitiva. Distintos estudos indican que a metade dos traballadores en España recoñece non beber o necesario durante a súa xornada laboral. O estres e a ocupación intensiva do traballo fan que se descoiden estas pautas de hidratación recomendadas, facendo diminuír a capacidade de atención e de reacción ante un obstáculo.

Sinxelos consellos como descansar cada 2 horas, facer estiramentos cando se leva moito tempo no posto de traballo ou manter hábitos axeitados de hidratación con bebidas como os refrescos, poden reducir significativamente a sinistralidade viaria entre os traballadores.

No seguinte documento pode descargar o material divulgativo da campaña.