Mapa de risco químico de Galicia


Os produtos químicos están presentes na maioría de sectores de actividade, dende o industrial ao de servizos pasando polo docente ou o sanitario. Moitos deles son perigosos, tanto para a saúde como para o medio ambiente, pero a perigosidade dos produtos químicos non só depende das súas propiedades intrínsecas, senón tamén da maneira na que se manipulan nos lugares de traballo.

Podemos afirmar que en xeral en toda Europa e en concreto no noso país, existe unha ausencia de datos da exposición laboral a axentes químicos, aínda que por todos son coñecidas patoloxías de diferente gravidade claramente relacionadas coa utilización de produtos químicos no traballo e por exemplo, existe unha opinión xeneralizada de que parte dos casos de cancro declarados son de orixe profesional.

O ISSGA, consciente desta falla de información, incluíu no Plan de Actividades do ano 2010 un proxecto que continúa a desenvolverse durante o 2011 e que consiste na elaboración dun “MAPA DE RISCO QUÍMICO DE GALICIA”. O obxectivo deste proxecto é precisamente o de recoller datos sobre o uso de produtos químicos perigosos nas empresas da nosa comunidade autónoma para poder así exercer o noso labor con coñecemento da situación e actuar preventivamente, prestando asesoramento e asistencia técnica centrada na correcta xestión do risco químico nas empresas, especialmente o derivado daqueles axentes químicos máis perigosos para a saúde dos traballadores. Este labor de asesoramento vaise complementar ademais con accións en materia de formación e información, dirixidas tanto a empresarios como a traballadores.

A ferramenta básica que imos utilizar para a elaboración deste mapa é un CUESTIONARIO. Nunha primeira fase xa colaboraron máis de 80 empresas da nosa comunidade que manipulan produtos químicos perigosos que cubriron este cuestionario e nolo remitiron. Dirixímonos nesta segunda fase a outras 100 empresas con risco químico co fin de continuar recollendo información sobre os axentes químicos que se utilizan ou producen na empresa e algúns datos sobre o control dos riscos que se poidan xerar.


Para DESCARGAR este CUESTIONARIO deberá premer na ligazón que atopará ao final desta páxina.