Prevención de TME e sobreesforzos


Esquema de posición correcta ante o ordenador

Dentro do plan estratéxico para a Prevención de Riscos Laborais en Galicia 2006-2010, defínese un conxunto de medidas para mellorar as condicións de seguridade e saúde nas empresas e reducir a sinistralidade laboral. Por outra parte na lei 14/2007 entre as funcións que o seu artigo 4º define para o ISSGA figura a de: analizar, investigar e avaliar as causas e factores determinantes dos riscos laborais, accidentes de traballo e enfermidades profesionais, establecendo un carácter sectorial e territorial, abordar o seu estudo preventivo e propoñer, se é o caso, medidas correctoras.

O ISSGA consciente da problemática dos accidentes por sobreesforzos e tendo en consideración que este tipo de danos son aproximadamente a terceira parte do total de accidentes con baixa acontecidos en Galicia, estableceu como unha actuación a desenvolver para o ano 2010, unha análise estatística dos accidentes por sobreesforzo tendo en conta a actividade en que se producen e incorporando entre outras a variable da perspectiva de xénero que incluíu a elaboración e publicación dun estudo estatístico dos accidentes de traballo debidos a sobreesforzos, para un mellor coñecemento conducente a unha prevención máis eficaz tanto polo seu número, coma polas posibles consecuencias desta forma de dano profesional na saúde dos traballadores a longo prazo.

Outra das actuacións programadas foi o Plan de Redución de Sobreesforzos de carácter sectorial e que foi iniciado no ano 2010, centrado nas empresas que tiveran durante o ano 2009, polo menos 4 accidentes laborais cualificados como sobreesforzo físico na actividade económica: comercio polo miúdo agás vehículos a motor e motocicletas", correspondente ao CNAE 47.

Tendo en conta os criterios anteriores foron seleccionadas un total de 20 empresas na provincia da Coruña, correspondendo na súa maioría a establecementos non especializados, con predominio de produtos alimenticios.

Investigáronse uns 400 accidentes por sobreesforzos, que tendo en conta a perspectiva de xénero dos accidentados, maioritariamente eran mulleres, sen deixar de lado que se trata dun sector feminizado.
Froito desta actuación e a falta de conclusións sobre os datos obtidos, abordáronse os seguintes aspectos que posteriormente se envorcaron nunha base de datos en Access:

• Accidente acontecido en xornada de traballo e no desenvolvemento deste?
• O accidente está axeitadamente notificado ou houbo erros?
• Se a lesión sufrida polo traballador era encadrable nalgunha destas patoloxías, que poderían suxerir enfermidade profesional do grupo 2D e 2F (RD 1299/2006, polo que se aproba o cadro de enfermidades profesionais):
o Bursitis
o Tendinite do manguito dos rotadores
o Epicondilitis
o Epitrocleitis
o Tendinite de Quervain
o Tenosinovitis dos dedos
o S.compresión de nervio cubital(neuropatía por presión)
o S. túnel do carpo(neuropatía por presión)
o S. canle de Guyon(neuropatía por presión)
• Investigación do accidente polo empresario: aspectos considerados (tarefas, descrición, hora de traballo, causas detectadas, medidas preventivas desenvolvidas, etc.)
• Con que risco se relaciona o accidente: manipulación de cargas, posturas forzadas, aplicación de forzas, movementos repetitivos, outros.
• Metodoloxía aplicada na avaliación dos riscos indicados: metodoloxía contrastada ou subxectiva do técnico.
• Medidas correctoras propostas
• Medidas correctoras implantadas
• Víronse reflectidas estas melloras nos casos de accidentes por sobreesforzo?

Algúns dos accidentes investigados descartáronse, ben por que se trataban de patoloxías que podían incluírse como enfermidades profesionais ou de procesos diagnosticados en anos anteriores ou causasen baixas anteriores polo mesmo motivo.

O punto de partida nas empresas foi a investigación do accidente, o que deixou claramente de manifesto, que en moitos dos casos non se realizou no seu momento ou se fixo de xeito incompleto. Por este motivo, non se dispón da información suficiente para identificar as causas deste e en consecuencia, as medidas preventivas non foron as axeitadas.

Os postos onde se rexistrou maior número de accidentes foron: caixeira-repoñedora, mozo de almacén, preparación de pedidos, auxiliar de peixaría, carnizaría e charcutería. Son postos cunha gran demanda derivada da manipulación de cargas, moitas veces combinada con movementos repetitivos, posturas forzadas e aplicación de forzas.

Aínda que na avaliación do posto adoita estar identificado o risco de sobreesforzo asociado a carga física, na maioría dos casos carécese dunha avaliación específica con metodoloxía válida que permita estimar a magnitude do problema, establecer as medidas preventivas axeitadas e valorar a súa adecuación.

Unha vez finalizada a análise detida dos datos, emitirase un informe coas conclusións do Plan de redución de sobreesforzos. Posteriormente, comunicarase ás empresas unhas pautas de actuación segundo a situación particular de cada unha, co obxectivo único de contribuír á redución de accidentes por sobreesforzos e mellorar os aspectos relativos á prevención de riscos laborais no sector.

No marco do novo Plan Estratéxico de prevención de riscos para Galicia 2011-2014 tense moi presente no diagnóstico da situación actual esta problemática e da que se derivan obxectivos concretos a desenvolver para este período. Por ese motivo, o ISSGA dentro das actuacións programadas para o ano 2011 incluíu a extensión desta actuación a outras actividades económicas onde se está a detectar unha elevada incidencia de accidentes por sobreesforzo, destinando para iso máis recursos técnicos e preventivos para un mellor coñecemento das causas determinantes e valorar a eficacia das medidas preventivas adoptadas, así como asesorar ás empresa, traballadores e os seus representantes.

Ademais destas actuacións, o ISSGA realizou outras accións neste campo:

• Análise dos accidentes de traballo por sobreesforzo
• Publicación audiovisual sobre prevención de trastornos músculo-esqueléticos no marisqueo: O Prezo de Marea
• Campaña de prevención de riscos laborais por sobreesforzo no sector hostaleiro e do comercio.
• Proxecto Saúde para mellora da saúde e das condicións laborais no marisqueo a pé de Galicia. (Ver documento informativo adxunto).