Campaña de prevención de riscos laborais por sobreesforzo. Comercio e hostalaría.


Os profesionais do sector hostaleiro e do comercio da provincia de Pontevedra vanse beneficiar dunha iniciativa orientada a favorecer actitudes máis ergonómicas no desenvolvemento do traballo e a adoptar medidas preventivas para evitar as lesións producidas por sobreesforzos.

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, ISSGA, porá en marcha este proxecto, en colaboración coa Asociación Provincial de Cafeterías e Pubs de Pontevedra (APCAP) e a Asociación de Comerciantes e Hostaleiros (ACH) de Santiago de Vigo.

A campaña foi presentada o venres 8 de outubro en Pontevedra pola directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja García; o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís; o xefe do ISSGA en Pontevedra, José Antonio Arribe; o presidente da APCAP, Odilo Rodríguez; e o presidente de ACH Santiago de Vigo, Francisco Vázquez.

O seu obxectivo é reducir a elevada incidencia dos accidentes laborais por sobreesforzos en ambos sectores. Está estruturada en dúas fases, unha primeira de sensibilización, baseada na difusión da mensaxe nos propios locais e centros comerciais e a través de insercións nos medios de comunicación.

A segunda fase, pola súa banda, vai achegar a mensaxe preventiva a máis de 40.000 profesionais, a través de visitas a máis de 300 empresas. Para iso, editouse material informativo, folletos e cuatrípticos dirixidos aos traballadores, nos que con carácter diferenciado se identifican, tanto para o sector da hostalaría como para o do comercio, os factores de risco, causas físicas e organización do traballo, así como medidas preventivas a adoptar para evitar lesións musculoesqueléticas.

O contido desta campaña susténtase, pois, en concienciar aos profesionais para que afronten o desenvolvemento da súa actividade con actitudes más ergonómicas, evitando posturas incómodas, tarefas repetitivas ou esforzos prolongados, e aplicando técnicas ergonómicas na manipulación de cargas.

É preciso destacar que, no seguimento e análise estatística que realiza o ISSGA, reflíctese que un terzo dos accidentes laborais que se producen en Galicia está causado por sobreesforzos. En concreto, en 2009 o número de accidentes por sobreesforzo foi un 34,6% do total, unha porcentaxe que aumenta ata o 39,6% no sector servizos.

As porcentaxes que presenta a provincia de Pontevedra son similares á media de Galicia, aínda que lixeiramente inferiores, cun 33,7% no conxunto dos sectores e un 39,1% nos servizos.

Nos sectores da hostalería e do comercio a incidencia e magnitude do risco é máis relevante debido a numerosos factores característicos da súa actividades como os ritmos de traballo intensos, a multiplicidade de tarefas a temporalidade. As principais consecuencias para a saúde dos profesionais son problemas musculoesqueléticos, que afectan á súa calidade de vida e conlevan tamén un importante custo social.


Segundo datos do ISSGA, no período que vai de xaneiro a agosto deste ano, rexistráronse en Galicia 3.601 sinistros no sector do comercio, dos que 3.569 foron leves. En Pontevedra houbo no mesmo sector e período 1.284 accidentes, deles 1.269 leves. En hostalaría, no conxunto de Galicia producíronse 984, deles 975 leves; e en Pontevedra 332, dos que 330 foron leves.

A alta incidencia do sobreesforzo como causa de sinistralidade laboral levou ao ISSGA a priorizar no seu Plan de Acción 2010 un abano de medidas co obxectivo de corrixir esta situación, no que se enmarcan, entre outras, a campaña presentada hoxe en Pontevedra e a próxima publicación da Guía Técnica Básica de Ergonomía no Traballo.