Gripe A


GRIPE PANDÉMICA A(H1N1) 2009

A actual pandemia causada por este novo tipo de virus da gripe constitúe un problema se saúde pública e corresponde ás autoridades sanitarias dirixir e ditar as pautas concretas de actuación en cada momento e nas diferentes situacións, e por iso debemos estar ao tanto das súas recomendacións e protocolos de actuación.

As principais fontes de información institucional a este respecto son as do Ministerio de Sanidade e Política Social (MSPS), que neste momento ten en funcionamento un portal e unha campaña informativa na súa páxina web, e a Consellería de Sanidade que a través do SERGAS tamén ten aberto un portal na súa páxina web. Nas dúas páxinas ofrécese ampla información actualizada dirixida tanto á poboación en xeral, - con información básica sobre o virus, o seu modo de transmisión e como evitar o seu contaxio entre outros- como aos profesionais sanitarios, así como recomendacións e guías dirixidas as empresas en xeral e a diferentes colectivos e profesionais.

Estes son os enlaces do MSPS e do SERGAS respectivamente:
http://www.msc.es
http://www.sergas.es/MostrarContidos_Portais.aspx?IdPaxina=62535


SITUACIÓN EPIDEMIOLÓXICA ACTUAL

Na semana 49, que rematou o pasado 12 de decembro a taxa de gripe estimada en España foi de 77,72 casos/100.000 habitantes. Isto supuxo unha diminución da actividade gripal por terceira semana consecutiva que se situou na FASE DE DESCENSO DA ONDA PANDÉMICA, despois de terse acadado un pico máximo de incidencia de gripe na semana 46 (do 16 ao 21 de novembro) na que se chegou a unha taxa de 372,60 casos por cada 100.000 habitantes. Esta diminución da taxa de incidencia estase a producir en todos os grupos de idade. Na semana 50 (13 a 19 de decembro) a taxa de incidencia mantívose estable respecto da semana anterior (78,55 casos/100.000 habitantes) para todos os grupos de idade.

Continúa a rexistrarse unha circulación maioritaria e xeneralizada do virus da gripe A(H1N1)2009, que supón o 98% do total dos virus detectados.

Na nosa comunidade autónoma as taxas máximas se produciron na semana 43 e 44, nas que acadou un nivel de incidencia moi elevado (estimado en función das chamadas ao 061) e nas últimas semanas só se detectaron virus gripais do tipo A(H1N1).

Ata o momento non se observou o incremento esperado da mortalidade asociado á fase de ascenso da onda gripal o cal fai pensar que nos atopamos ante unha pandemia de gripe con efectos sobre a mortalidade en xeral moito máis moderados que epidemias estacionais anteriores con predominio doutros virus, ou ben que as temperaturas moderadas rexistradas ata agora, moi superiores ás rexistradas durante os períodos de máxima incidencia de gripe en anos anteriores, poderían implicar unha menor mortalidade asociada ao incremento de gripe observado.


ACTUACIÓNS DAS EMPRESAS

Aínda que xa se produciu a fase de descenso da onda pandémica e a incidencia se estabilizou na última semana, podéndose dicir que en xeral o nivel de intensidade gripal é medio na maior parte do territorio español en relación ao virus A/H1N1, debemos ter en conta que o comportamento das pandemias é impredicible en canto a como se distribúen entre a poboación ao longo do tempo. Malia os datos de descenso de casos, similares en todos os países, a Organización Mundial da Saúde (OMS) continúa alertando no sentido de que aínda é demasiado pronto para dar por finalizada a pandemia e entraría dentro do predicible que esta pandemia volvera ter outro pico en xaneiro ou febreiro.

Ademais, debemos ter en conta que o termo “pandemia” non alude á severidade da enfermidade e que ata agora a OMS a clasifica como “pandemia moderada” xa que na gran maioría dos casos cursa como unha enfermidade leve; esta consideración podería cambiar ao longo do tempo. A OMS resérvase os termos “pandemia grave” e no peor dos casos “pandemia severa”, para aquelas pandemias producidas por virus que provocan enfermidades de maior gravidade.

Durante os pasados meses as empresas foron elaborando e activando os seus propios PLANS DE ACTUACIÓN seguindo as indicacións das autoridades sanitarias e facendo fronte ao seu deber de protexer a saúde dos seus traballadores/as e de colaborar coa sociedade na diminución do posible impacto desta pandemia.

Agora é o momento de que as empresas que elaboraron e activaron estes plans fagan unha avaliación do seu funcionamento neste primeiro pico de incidencia e propoñan as melloras que consideren necesarias para o mellor funcionamento e utilidade dos plans desenvolvidos.

Aquelas outras empresas que non elaboraron estes plans deberán considerar a importancia e necesidade de facelo xa tendo en conta a posibilidade real de que se produza un novo pico a comezos do ano que ven.

As persoas responsables da elaboración e seguimento dos PLANS DE ACTUACIÓN ANTE A GRIPE PANDÉMICA A(H1N1) nas empresas deberán estar ao tanto da información das autoridades sanitarias no tocante á situación epidemiolóxica para implantar dun xeito adecuado as diferentes medidas recollidas no plan.

Para obter información actualizada (semanalmente) da situación debe consultar as páxinas do MSPS e do SERGAS no caso da nosa comunidade autónoma.

INFORMACIÓN DE INTERESE PARA A ELABORACIÓN DOS PLANS DE ACTUACIÓN:

O Ministerio de Sanidade xunto co Ministerio de Traballo e Inmigración e os axentes sociais, publicou no mes de xullo de 2009 unha “Guía para la elaboración del plan de actuación de las empresas o centros de trabajo frente a emergencias. Pandemia de gripe”. Este documento, que foi aprobado polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (composto por todos os conselleiros/ás de sanidade das comunidades autónomas e presidido pola Ministra de Sanidade e Política Social), pretende dar orientacións ás empresas para que:

- Minimicen os efectos sociais e económicos asociados á pandemia.
- Garantan dispoñibilidade dos recursos básicos para o funcionamento do país.
- Reforcen a protección da saúde das traballadoras e dos traballadores.

No mes de outubro, o Ministerio De Sanidade e Política Social xunto co Ministerio de Traballo e Inmigración, publicou un novo documento dirixido aos centros de traballo: “Preguntas y respuestas sobre la gripe pandémica (H1N1) 2009 en los centros de trabajo”, que conta tamén coa aprobación do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde. O seu obxectivo é aclarar, dun xeito xeral, a traballadores, empresarios e servizos de prevención, aquelas cuestións prácticas respecto á gripe pandémica que poden xurdir nos centros de traballo, tanto relacionadas co ámbito sanitario e da prevención como aquelas referidas ao ámbito das relacións laborais. É un complemento ao documento “Guía para la elaboración del plan de actuación de las empresas o centros de trabajo frente a emergencias. Pandemia de gripe”. Abrangue un total de 56 preguntas coa súas correspondentes respostas divididas en 4 bloques temáticos:
- Acerca da gripe en xeral
- Organización
- Prevención e plan de continxencia
- Actuacións sanitarias dos servizos de prevención

Pode descargalo do ficheiro zip que figura ao final desta información e tamén da páxina web do Ministerio de Sanidade e Política Social.

O ISSGA elaborou tamén unha “GUÍA PARA A ELABORACIÓN DO PLAN DE ACTUACIÓN DAS EMPRESAS ANTE A SITUACIÓN ACTUAL DE PANDEMIA CAUSADA POLO VIRUS DA GRIPE A/H1N1” que pretende ser unha ferramenta útil para que as empresas poñan en marcha os seus propios plans de actuación e na que se recollen as principais accións e medidas preventivas que deben conter estes plans. Non está elaborada pensando nos colectivos con maior risco de exposición como pode ser o persoal dos servizos sanitarios. Pensando en facela máis manexable, editouse un folleto/resume dela co título “AS EMPRESAS ANTE A GRIPE PANDÉMICA A(H1N1)2009: PLAN DE ACTUACIÓN”. Tanto a guía como o folleto pode descargalos no ficheiro zip que figura ao final desta información.

Ademais, na FOLLA DE PREVENCIÓN Nº 12 (setembro de 2009) publicada polo ISSGA e dedicada á gripe pandémica A(H1N1) 2009, atopará información de interese sobre o virus: modo de transmisión, síntomas da enfermidade, colectivos de maior risco... así como da actuación das empresas a este respecto. Pode descargar esta folla de prevención da nosa páxina web e tamén do ficheiro zip que figura ao final desta información.

Para aqueles traballadores que poidan estar expostos ao virus como consecuencia da propia actividade laboral e aos que ademais lles é de aplicación o RD 664/97 do 12 de maio, sobre a protección dos traballadores contra os riscos relacionados coa exposición a axentes biolóxicos durante o traballo, sendo o colectivo máis significativo o do PERSOAL SANITARIO, débense ter en conta as recomendacións para a prevención e o control da infección en centros sanitarios ante casos de infección polo novo virus da gripe, estas recomendacións están suxeitas a actualización e débense consultar nas páxinas web institucionais antes nomeadas.

PRECISIÓNS RESPECTO AO USO DE PROTECCIÓN RESPIRATORIA:

- Na actualidade nin as autoridades sanitarias nin ningún outro organismo internacional recomenda o seu uso á poboación en xeral.
- As máscaras cirúrxicas poden ser de certa utilidade:
. para as persoas sans: impídenos tocar o nariz e a boca logo de tocar obxectos contaminados.
. para conter as microgotas que os enfermos expulsan ao tusir ou esbirrar.
. se non se usan correctamente pódese aumentar o risco de transmisión.
. non teñen como finalidade protexer o traballador da exposición a bioaerosois procedentes do seu ámbito de traballo, non son equipos de protección individual (EPI), senón produtos sanitarios de uso médico.
- Cando se trata de traballadores/as expostos a este virus a consecuencia do traballo a conveniencia de utilizar EPIs de protección respiratoria debe basearse nos resultados da avaliación de riscos; como se dixo antes, débense ter en conta as recomendacións para a prevención e control que están a ditar as autoridades sanitarias ao respecto. A avaliación poderá recoller ademais a necesidade do uso doutros equipos de protección como son guantes, mandís, protectores oculares ou roupa de protección.

O Instituto Nacional de Seguridad e Higiene en el Trabajo (INSHT) ten un portal temático na súa páxina web dedicado a equipos de protección individual (EPI) no que pode atopar información relativa ás características técnicas, selección adecuada e uso dos equipos de protección respiratoria e EPIs en xeral.

VACINA PANDÉMICA A(H1N1) 2009

A vacina da gripe A, como sucede coa da gripe estacional, está indicada para determinados colectivos. Non é obrigatoria. Unha soa dose é de abondo para as persoas con idades entre 18 e 60 anos pertencentes aos grupos de risco, para os menores de 18 anos e maiores de 60 a recomendación actual é a de administrar dúas doses. Con todo, dependendo da evolución epidemiolóxica poderanse incorporar outros grupos de risco que sexan considerados polos expertos e aprobados polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

O pasado 16 de novembro iniciouse a vacinación cos grupos de risco aprobados no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde. A diferenza coa vacina da gripe estacional esta campaña non ten data final e polo de agora campaña continúa aberta. No portal de gripe a do SERGAS pode atopar cales son os puntos de vacinación.

Colectivos e grupos de risco aos que se dirixe a vacina:
- Traballadores sanitarios e parasanitarios: tanto de atención primaria como hospitalaria, pública e privada, así como o persoal de residencias da terceira idade e centros de atención a enfermos crónicos.
- Traballadores de servizos públicos esenciais: forzas e corpos de seguridade do Estado, bombeiros, servizos de protección civil, persoas que traballan nos servizos de emerxencias sanitarias e traballadores de institucións penitenciarias e de centros de atención ao refuxiado e inmigrantes.
- Adultos e bebés maiores de 6 meses, cun alto risco de complicacións derivadas da infección polo virus pandémico por sufrir algunha das seguintes patoloxías:
Enfermidades cardiovasculares crónicas (excluíndo a hipertensión).
Enfermidades respiratorias crónicas.
Diabete tipo I e tipo II con tratamento farmacolóxico.
Insuficiencia renal moderada ou grave.
Hemoglobinopatías e anemias moderadas ou graves.
Asplenia
Enfermidade hepática crónica avanzada.
Enfermidades neuromusculares graves.
Pacientes con inmunosupresión (incluída a orixinada por infección por VIH ou por fármacos ou nos receptores de transplantes).
Obesidade mórbida (índice de masa corporal igual ou superior a 40).
Nenos e adolescentes, menores de 18 anos que reciben tratamento prolongado con ácido acetilsalicílico, pola posibilidade de desenvolver unha síndrome de Reye.
- Mulleres embarazadas.