Campaña de sensibilización sobre Prevención de Riscos Laborais dirixida a implantar unha cultura preventiva na sociedade galega


A iniciativa desenvólvese a través da rede, en medios de comunicación escritos e audiovisuais, valos publicitarios e autobuses de toda galicia

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) comezou o pasado luns, 15 de decembro, unha campaña de sensibilización, formación e concienciación da sociedade sobre a necesidade da prevención de riscos laborais, co lema “Detrás de cada medida de seguridade, hai unha vida protexida. A prevención de riscos laborais é cousa de todos”.

O obxectivo desta iniciativa é implantar unha auténtica cultura preventiva no conxunto da sociedade, en aras de acadar un marco da seguridade e saúde laboral para que a poboación galega desenvolva o seu traballo nun contorno de calidade. Dándolle, deste xeito, un verdadeiro pulo á prevención de riscos laborais en Galicia, tratando de situala ao mesmo nivel que os países máis avanzados nesta materia.

Así mesmo, quérese facer chegar a mensaxe de que este é un obxectivo non só das empresas, dos traballadores ou da Administración, senón que a prevención de riscos laborais é “cousa de todos”, toda a sociedade, debe participar na súa consecución, achegando o seu gran de area na loita para a reducción dos accidentes laborais e das enfermidades de orixe laboral.

En cumprimento dun dos obxectivos prioritarios do Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais, a campaña desenvolverase de xeito intensivo durante a segunda quincena do mes de decembro, coa fin de chegar ao maior número de xente posible, xa que esta é unha época de grande consumo e de maior receptividade cara os mensaxes publicitarios.

Para iso, o programa, que conta cun presuposto de aproximadamente 350.000 euros, desenvolverase na rede, en medios de comunicación escritos e audiovisuais, valos publicitarios e autobuses, e realizaranse, ademais, 2.000 carteis co lema da iniciativa, procurando que esta sexa accesible ao maior número posible de destinatarios.