Plataforma de xestion da mobilidade e a prevención de riscos laborais no tráfico


Plataforma de xestion da mobilidade e a prevención de riscos laborais no tráfico

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) e o Real Club Automóbil de España (RACE) puxeron en marcha a Plataforma de mobilidade e a prevención de riscos laborais no tráfico que permitirá aos empresarios galegos cumprir coas súas obrigas preventivas nesta materia e reducir a accidentabilidade laboral relacionada co tráfico.

Os accidentes de tráfico teñen un peso importante dentro da estatística de sinistralidade laboral e a redución nos últimos anos do número de vítimas neste tipo de accidentes non se reflicte na sinistralidade viaria laboral, polo que se fai necesario adoptar medidas que axuden a diminuír os accidentes de tráfico ligados aos accidentes.

Os obxectivos desta plataforma pasan por ofrecer ao responsable de mobilidade ou de prevención de riscos laborais pautas de actuación concretas, encamiñadas a facer plans de mobilidade para os seus traballadores que melloren as condicións nos seus desprazamentos; previr os principais factores negativos asociados ao tráfico no ámbito laboral, mellorando os tempos nos desprazamentos e as condicións laborais e reducindo o estres e os accidentes de tráfico laborais; axudar ao empresario ou responsable de mobilidade ou de prevención de riscos a identificar os grupos obxecto do plan; adaptar as medidas á realidade de cada empresa; e o desenvolvemento da cultura da mobilidade e a prevención na empresa.

O primeiro paso para fixar as prioridades para o desenvolvemento dun plan de mobilidade e seguridade viaria na empresa debe ser realizar unha correcta avaliación. Nesta fase cómpre coñecer con exactitude a orixe e o nivel de importancia dos riscos e recompilar a información necesaria para realizar un seguimento das incidencias de tráfico que se producen no ámbito laboral, para así coñecer os danos sufridos polos traballadores, os danos producidos a bens da empresa e os custos asociados.

Na plataforma poderase rexistrar o responsable da empresa e establecer un Plan de mobilidade e seguridade viaria para os empregados. Logo de recompilar a información obtida a través dos “Cuestionarios de mobilidade” cubertos polos traballadores, xunto coa información facilitada no “Formulario de detección de riscos”, no “Cuestionario para cubrir no caso de accidente de tráfico”, e a obtida mediante informes de axentes externos, como a compañía aseguradora, de renting ou a mutua de accidentes, o responsable de prevención deberá definir os grupos prioritarios, así como as accións concretas que estima pode desenvolver.

Poderán definirse unha serie de grupos de actuación que presenten uns factores de risco no tráfico comúns, como os traballadores con desprazamentos in itinere e in misión, diferenciando os condutores profesionais dos esporádicos, polo que poderán concretarse e darlles prioridade a certas medidas correctoras.

Así mesmo, o plan inclúe un seguimento anual do grao de cumprimento dos obxectivos de redución de accidentes de tráfico na empresa, co obxecto de comprobar a súa efectividade.

Descargas