Protección da maternidade


OBXECTIVOS

  • Proporcionar unha ferramenta para fomentar o coñecemento das obrigas do empresariado e dos dereitos das traballadoras relativas á protección da maternidade.
  • E, en xeral, a protección da maternidade e a reprodución consonte ao previsto na normativa de PRL, facilitando a comprensión dos riscos e a adopción de medidas preventivas.

MOTIVACIÓN

O ISSGA, como órgano encargado da execución e coordinación das políticas de PRL deseñadas pola Xunta de Galicia, ten entre as súas funcións o estudo, promoción e seguimento das condicións de traballo que poidan resultar nocivas, insalubres e/ou perigosas para as mulleres traballadoras durante os períodos de embarazo e lactación, e para a protección da maternidade e, en xeral, da reprodución, para acomodar no caso necesario a súa actividade laboral a un traballo compatible coa súa específica situación de saúde.

A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, refírese no seu artigo 26 á protección da maternidade no ámbito laboral, onde se establecen as seguintes consideracións:

  • A avaliación dos riscos deberá comprender a determinación da natureza, o grao e a duración da exposición das traballadoras en situación de embarazo ou parto recente a axentes, procedementos ou condicións de traballo que poidan influír negativamente na saúde das traballadoras ou do feto, en calquera actividade susceptible de presentar un risco específico.
  • Se os resultados da avaliación revelasen un risco para a seguridade e a saúde ou unha posible repercusión sobre o embarazo ou a lactación das citadas traballadoras, o empresario adoptará as medidas necesarias para evitar a exposición ao devandito risco, a través dunha adaptación das condicións ou do tempo de traballo da traballadora afectada.
  • Cando a adaptación das condicións ou do tempo de traballo non resultase posible ou, a pesar de tal adaptación, as condicións dun posto de traballo puidesen influír negativamente na saúde da traballadora embarazada ou do feto, e así o certifiquen os Servizos Médicos do Instituto Nacional da Seguridade Social ou das Mutuas, en función da Entidade coa que a empresa teña concertada a cobertura dos riscos profesionais, co informe do médico do Servizo Nacional de Saúde que asista facultativamente á traballadora, esta deberá desempeñar un posto de traballo ou función diferente e compatible co seu estado. O empresario deberá determinar, previa consulta cos representantes dos traballadores, a relación dos postos de traballo exentos de riscos a estes efectos.
  • No caso de que, aínda aplicando as regras antes sinaladas, non existise posto de traballo ou función compatible, a traballadora poderá ser destinada a un posto non correspondente ao seu grupo ou categoría equivalente, aínda que conservará o dereito ao conxunto de retribucións do seu posto de orixe.
  • Se o devandito cambio de posto non resultase técnica ou obxectivamente posible, ou non poida razoablemente esixirse por motivos xustificados, poderá declararse o paso da traballadora afectada á situación de suspensión do contrato por risco durante o embarazo.
  • Todo isto tamén é aplicable ás traballadoras durante o período de lactancia (pasando, de ser o caso, á situación de suspensión do contrato por risco durante a lactancia natural).

Nos distintos plans de actividades do ISSGA especifícanse actuacións cara á protección da maternidade no ámbito laboral, que inclúe, entre outras, as seguintes medidas:

  • Campaña informativa sobre a protección da maternidade no ámbito laboral. Nela recordarase ás empresas as súas obrigas ao respecto: avaliación de riscos laborais inicial e avaliacións adicionais, planificación da actividade preventiva, listado de postos exentos de riscos, adaptación do posto de traballo, cambio de posto, suspensión do contrato, etc). A campaña realizarase en soporte papel (coa distribución nas empresas galegas dun tríptico informativo), páxina web e redes sociais do ISSGA (Twitter e Facebook).

  • Asesoramento técnico e seguimento sobre o cumprimento do artigo 26 da lei de PRL.

Coa dita planificación o ISSGA da cumprimento ás previsións da Estratexia Galega de SST 2017-2020:

  • Tanto na inclusión en todos os estudos, traballos, etc. en PRL da perspectiva de xénero
  • Como no reforzamento de medidas concretas cara a decidida protección da maternidade en situacións de embarazo, parto recente e lactación
  • Así como a verdadeira integración da igualdade nas políticas de PRL

SOPORTES

A campaña consiste na difusión nas empresas galegas e entre as mulleres traballadoras, de 1.750 polípticos informativos sobre as obrigas das empresas relativas á protección da maternidade, así como de 2.000 cubos que os poden montar as propias traballadoras que, lanzando unha mensaxe positiva, contén palabras que se poden vincular coa maternidade (conciliación, igualdade, flexibilidade, seguridade).

Para isto elaborouse un políptico e un cubo que se pode montar de forma sinxela, este último de tamaño 7x7 cm., dispoñendo así mesmo de 5 cubos de gran formato.

A campaña comeza co envío a todos os centros de saúde de Galicia que contan con matrona, xa que identificamos este colectivo como una profesión idónea por estar preto da muller no momento do seu embarazo, de aí a forza para facer coñecer os seus dereitos en canto a muller traballadora respecto á protección da maternidade. Así trataremos de tecer una rede de colaboradores para facer máis real e efectivo o cumprimento da normativa ao tempo que se facilitará a través do asesoramento técnico e a divulgación.

Esta campaña tamén se dirixe e se fará chegar ao ámbito laboral e ao propiamente de PRL.

Descargas