Integración da perspectiva de xéneno no sistema de xestión da prevención de riscos laborais na empresa


Esta campaña, que ten como soportes documentais un tríptico e un cartel, ten como finalidade fomentar o coñecemento de boas prácticas de seguridade e saúde laboral desde unha perspectiva de igualdade de xénero.

Así, inclúense recomendacións xerais como garantir que a actividade preventiva chegue por igual a mulleres e homes, contar coa variable de sexo nas estatísticas e enquisas e establecer indicadores que permitan facer un seguimento.

Entre as medidas específicas destacan a representación equilibrada nos procesos de consulta e participación, o fomento da presenza de mulleres nos órganos de participación especializada na prevención ou a formación e información nesta área. Tamén dar visibilidade ás diferenzas entre homes e mulleres en canto á exposición de riscos laborais e as súas consecuencias, así como constituír grupos de traballo con presenza equilibrada. No eido da formación, recoméndase ter en conta a perspectiva de xénero na planificación da formación e da información en aspectos como os horarios ou os contidos e informar da disposición de equipos de protección individual diferenciados en función das condicións anatómicas e fisiolóxicas de homes e mulleres. En todo este tipo de información evitaranse as mensaxes e imaxes que contribúan a perpetuar estereotipos de xénero. Por último, no ámbito da vixilancia da saúde, o Issga recomenda que esta sexa individual tendo en conta os aspectos de xénero, valorar se os riscos poden afectar á saúde reprodutiva ou recoller os datos de accidente e enfermidade laboral desagregados por sexo, entre outras medidas.

Descargas