Informe de actuación e xestión 2014


O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), organismo adscrito á Consellería de Traballo e Benestar, configúrase como un órgano técnico en materia de prevención de riscos laborais. Dentro das funcións que o Instituto ten legalmente atribuídas, está o deseño das súas principais liñas de actuación, as cales no ano 2014 encadráronse no marco do Plan estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014, consensuado polo goberno de Galicia e os axentes sociais para este horizonte temporal; así, o ISSGA, como órgano da Xunta de Galicia encargado da xestión e a coordinación das políticas adoptadas nesta materia, concreta a execución das súas funcións nos sucesivos plans anuais de actividades.

No contexto aludido, a Comisión de Goberno do ISSGA, na súa reunión do 11 de decembro de 2013, aprobou o Plan de actividades 2014, e definiu as liñas dese ano para dar cumprimento aos obxectivos establecidos no Plan estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014. A participación cualificada dos axentes sociais (UGT, CCOO, CIG e CEG) no máximo órgano de goberno do ISSGA pon de manifesto que as actividades recollidas no plan, e cuxa execución se reflicte nesta memoria, deben identificarse como un traballo conxunto de todos os implicados no eido da seguridade e saúde laboral en Galicia.

No artigo 13 da Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o ISSGA, establécese que con periodicidade anual se elaborará unha memoria de actividades da que se dará conta ao Parlamento de Galicia para os efectos de control por parte deste organismo. Este mandato legal cúmprese con este documento que, sen pretender ser exhaustivo, recolle o que consideramos fundamental do noso traballo no ano 2014, estruturándose en sete puntos: a estrutura e organización, os recursos, a actividade institucional, as relacións con outros organismos, a actuación técnica, o directorio e os anexos.

O 2014 foi o derradeiro ano de execución do Plan estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014, o que incidiu directamente na planificación da actuación do ISSGA, que asumiu neste ano todas aquelas actuacións previstas e non rematadas ata este momento.

Confiamos en que todo este traballo teña continuidade e que axude a poñer en valor a necesaria asunción, e máis nestes tempos de crise, da prevención de riscos laborais polo tecido empresarial, traballadores e traballadoras e, en xeral, pola sociedade galega, para evitar custos incompatibles co dereito ao traballo seguro e saudable nun estado de benestar.