Informe de actividade 2013


O instituto dentro das funcións legalmente atribuídas ten o deseño das súas principais liñas de actuación na estratexia en prevención de riscos laborais consensuada polo goberno de Galicia e os axentes sociais para o período 2011-2014; así, o ISSGA, como órgano encargado da xestión e a coordinación das políticas adoptadas nesta materia, concreta a execución das súas tarefas nos sucesivos plans anuais de actividades do instituto.

No contexto aludido, a Comisión de Goberno do ISSGA, na súa reunión do 26 de decembro de 2012 aprobou o Plan de actividades 2013, e definiu as liñas dese ano para dar cumprimento aos obxectivos establecidos na Estratexia en prevención de riscos laborais, Galicia 2011-2014. A participación cualificada dos axentes sociais (UGT Galicia, SN de CCOO de Galicia, CIG e CEG) no máximo órgano de goberno do ISSGA pon de manifesto que as actividades recollidas no plan, e cuxa execución se reflicte nesta memoria, deben identificarse como un traballo conxunto de todos os implicados no eido da seguridade e saúde laboral en Galicia.

No artigo 13 da Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, establécese que con periodicidade anual se elaborará unha memoria de actividades da que se dará conta ao Parlamento de Galicia para os efectos de control deste organismo. Mandato que se cumpre con este documento que, sen pretender ser exhaustivo, recolle o que consideramos fundamental do noso traballo no ano 2013, e estrutúrase en sete puntos: a estrutura e organización, os recursos, a actividade institucional, as relacións con outros organismos, a actuación técnica, o directorio e os anexos.

O 2014 é o derradeiro ano de execución da estratexia galega, o que incide directamente na planificación do ISSGA, que debe asumir neste ano todas aquelas actuacións previstas e non rematadas.

Confiamos en que todo este traballo teña continuidade e que axude a pór en valor a necesaria asunción, e máis nestes tempos de crise,  da prevención de riscos laborais polo tecido empresarial, traballadores e traballadoras e, en xeral, pola sociedade galega, para evitar custos incompatibles co dereito ao traballo nun estado de benestar.