Campaña chaleco salvavidas


O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, ven de poñer en marcha unha nova campaña de sensibilización sobre o uso do chaleco salvavidas dirixida aos traballadores e traballadoras do mar, que pretende sensibilizar nas confrarías de Galicia sobre a importancia do chaleco.

Esta iniciativa enmárcase no Plan de actividades do ISSGA para este ano coa intención de mellorar os hábitos laborais dos profesionais do mar e implantar unha conciencia preventiva no sector. Así mesmo, esta actuación forma parte da Axenda 20 para o Emprego que impulsa un emprego de calidade como elemento clave da competitividade.

A campaña consiste na difusión de material informativo sobre a importancia da utilización do chaleco salvavidas e a súa correcta colocación. En concreto trátase de explicar cales son os motivos para utilizar o chaleco salvavidas, indicar a necesidade de elixir o axeitado en función das circunstancias existentes, incidir na importancia de utilizalo mentres se traballa na cuberta da embarcación, dar indicacións básicas sobre o almacenamento e mantemento e unha especial referencia á correcta colocación.