Oferta formativa

A Lei de prevención de riscos laborais establece entre outras obrigas, a de proporcionar aos traballadores formación suficiente e axeitada sobre os riscos que afectan aos seus postos de traballo.

Así mesmo, a lei encomenda ás administracións públicas o desenvolvemento de accións de formación, información e divulgación que contribúan, xunto aos empresarios e traballadores, ao logro dos obxectivos de mellora progresiva das condicións de vida no traballo.

Neste liña, a oferta formativa do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), que se desenvolve nos centros de seguridade e saúde laboral, ten o propósito de proporcionar formación de calidade en materia de prevención de riscos laborais e dar cumprimento ao Plan estratéxico de prevención de riscos laborais 2011 – 2014.

A formación, xunto coa información, promoción e asesoramento en materia de seguridade laboral, constitúe unhas das ferramentas máis axeitadas para promover unha auténtica cultura preventiva no conxunto da sociedade.

Co obxectivo de promover, sensibilizar e incrementar os coñecementos en materia de prevención de riscos laborais, elaborouse este programa de actividades formativas que agardamos axude á mellora das condicións de seguridade e saúde laboral no traballo.

Índice completo da oferta formativa

Actividade

Cursos de nivel básico

Estes cursos, con carácter xeral, teñen una duración de 35 ou 60 horas e desenvolven o programa formativo establecido nos anexos IV-B) o IV-A) do Regulamento dos servizos de prevención (Real decreto 39/1997, de 17 de xaneiro) cun engadido sobre prevención de riscos laborais dende a perspectiva de xénero de 5 ou 10 horas respectivamente.

Xornadas técnicas

As xornadas técnicas teñen como obxectivo analizar e expoñer, dende distintos puntos de vista, un tema específico de interese preventivo.

Formación en liña

A formación en liña nace para facer máis accesible a formación en prevención de riscos laborais, dun xeito sinxelo e eficaz.

Outras actividades

Co obxectivo de afondar en ramas específicas da prevención de riscos laborais, realizaranse diversos cursos de especialidades que permitirán acadar ou reforzar os coñecementos naqueles temas que sexan de máis interese.